O policía municipal decidiu retirar os cargos
Diego Lores, absolto trala retirada da única acusación contra el
Diego Lores non será xulgado. O policía municipal decidiu retirar os cargos. Era a única parte persoada no xuízo que se ía celebrar este martes, despois de que a Fiscalía determinara que non existían indicios de delito.
Diego non será xulgado pola acusación de "atentado á autoridade" que mantiña contra el un axente da Policía Local de Vigo por unha suposta agresión producida durante as protestas veciñais contra a instalación do Bernardo Alfageme en Coia. A Asemblea Aberta de Coia, despois de varias semanas de mobilizacións, explicou que non haberá xuízo, que estaba previsto que se celebrase este martes pola mañá no Xulgado do Penal Número 2 de Vigo. Un proceso que para a Asemblea de Coia sempre estivera inzados "de contradicións e incongruencias", o que levara o Ministerio Fiscal a advertir que non quedara “acreditado debidamente que por parte do acusado se cometese a infracción criminal da que se lle acusa”. Para o colectivo cidadán, estábase a utilizar a Lores como chivo expiatorio e advertencia para o resto de activistas: "Pretenden que pague por toda a veciñanza, para que quede claro que sucede coas voces disonantes”.