Comunicado de Stop Desahucios A Coruña: Desafiuzamento o mércores 25 de xaneiro
Non podemos consentir que se queden na rúa!
Fátima tiña a súa vida solucionada. Unha familia que a coidaba, un negocio próspero... pero enamorouse e deixouno todo: o seu país, a súa tenda; e veu a España namorada do que hoxe se comporta como o seu maior inimigo. Casáronse e fóronse a vivir a Betanzos cos sogros.
Stop Desahucios A Coruña | 17/01/2017
As cousas tornáronse e a convivencia co seu marido complicouse. Naceu a súa filla, pero non mellorou a cousa. O medo e a impotencia obligárona en Noiteboa do 2009 a coller á súa filla e saír correndo do domicilio familiar. Viviron varios días agochadas nun coche ata que un veciño informou da situación a Dona Rosa, a súa sogra e avoa da súa filla. Esta muller de ben, dacordo co seu marido e a escondidas do seu fillo, fíxolles chegar as chaves dun piso en Miño do que eran propietarios. A situación formalizouse cando, por motivos de empadroamento, Dona Rosa, novamente a escondidas do seu fillo, asinoulle unha autorización para ocupar a vivenda da que agora parece querer botala.
A vida continuou, Fátima divorciouse do seu marido para formalizala súa situación e poder optar a axudas sociais que completaran a súa renta. Cumpriu coas súas obligacións, cousa que non sempre fixo o seu exmarido, respetando o réxime de visitas da súa filla e esforzándose por sacala adiante.
En 2014, en plena crise, cando máis lle estaba costando saír adiante, é demandada polo seu sogro por okupalo piso. Ela non o culpou, pois pensa que non era el o que decidía na súa casa. De feito, ese home morreu e a demanda continúa agora a cargo da súa nonaxenaria e impedida muller (si, a sogra de Fátima, a mesma boa muller que lle autorizara), á que seu fillo personaliza, por autorización notarial, no proceso xudicial.
O proceso continua, pero, de momento, está prevista a execución provisional dunha sentencia, pendente de recurso de apelación e un posible recurso de casación. Si, compañeiros, o xuzgado desafiuza a unha muller e á súa filla menor, que non teñen onde ir, cunha sentencia que non é firme. Pode que non suceda. Esperemos que non suceda... está en mans dos xuíces, pero nós temos que estar preparados para o que poida acontecer o día 25 de Xaneiro.
Por iso convidamosvos a nos acompañar este venres as 12:00 h diante da casa de Fátima, na rúa do Mercado, 5, en Miño.