Defende Meirás | nota de prensa

As entidades de memoria comezan as reunións para organizar a gran mobilización do 19X en Meirás

Haberá xuntanzas na Coruña esta semana e, a próxima, en Pontevedra para acordar detalles do acto nos xardíns do Pazo no que se reivindicará a propiedade pública do espazo como lugar de memoria e a protección dos bens diante da rapina dos Franco.

O lema da convocatoria do sábado 19 de xuño será: “O Pazo para o pobo e a memoria”

 

As entidades de memoria comezan as reunións para organizar a gran mobilización do 19X en Meirás
Xardísn do Pazo de Meirás (1)
Xardísn do Pazo de Meirás

Sada, 5 de xuño de 2021.- A Iniciativa Defende Meirás convoca unha xuntanza de entidades de memoria aberta a asociacións veciñais e culturais, sindicatos, organizacións políticas e outros colectivos da área metropolitana da Coruña que se celebrará o próximo martes, 8 de xuño, a partir das 18.30 horas no local da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, na rúa Olmos da cidade de A Coruña.

Defende Meirás aposta por celebrar un acto masivo –na medida que permitan as circunstancias sanitarias–, e para lograr unha ampla mobilización cívica convocou a todas as entidades memorialistas do país a animar e organizar á participación. Algunhas entidades xa comprometeron pór a disposición de asociados e veciñanza autobuses para acudir o día 19 a Meirás.

Á reunión deste martes na Coruña seguirá outra prevista para a semana seguinte con motivo dun encontro de colectivos de Memoria Histórica en Pontevedra. Carlos Babío e Manuel Pérez, portavoces da iniciativa, presentarán en ambas citas os pormenores do acto despois da reunión mantida o pasado xoves co Concello de Sada, que xa empezou a colaborar na organización.

O lema da convocatoria, acordado na reunión da Iniciativa Galega pola Memoria (IGM), promotora da campaña #IniciativaDefendeMeirás e que agrupa ás principais asociación de memoria do país, será “O Pazo para o pobo e a memoria”.

A IGM fixo esta semana un chamamento a “abarrotar” Meirás o día 19, “para celebrar que por vez primeira o movemento memorialístico cruza os muros que separaron a democracia do franquismo durante máis de catro décadas”.

DEMANDA

Defende Meirás exixe da Xunta de Galiza que amplíe e reforce a protección dos bens móbeis que forman parte do Pazo de Meirás diante do intento da familia Franco de continuar co espolio unha vez que perderon a propiedade e baixo o paraugas da impunidade coa que se trata o franquismo en determinadas institucións do Estado. A Iniciativa Defende Meirás vén insistindo diante da Consellería de Cultura e do conselleiro Román Rodríguez para que incorpore á xa existente declaración BIC da que goza Meirás o catálogo de bens. “Bastaría con que a consellería publique no DOGA ese catálogo como anexo á declaración BIC para garantir a protección dos mesmos”, insiste Carlos Babío.

A Iniciativa Defende Meirás mantén unha campaña de captación de apoios en change.org (https://bit.ly/3pouLA8) e a través dun modelo de carta (que se pode descargar aquí: https://defendemeiras.blogspot.com/p/protexamos-o-que-e-noso.html) na que reclama unha actuación urxente por parte da Xunta de Galiza para ampliar a protección BIC a todos os bens do Pazo de Meirás.

As entidades de memoria comezan as reunións para organizar a gran mobilización do 19X en Meirás