Galiza Nova | nota de prensa
Galiza Nova refórzase coa integración de Isca!
A mocidade do BNG únese nunha soa fronte común, consolidando Galiza Nova como a organización política referencial para a mocidade galega.
As dúas organizacións declararon que a coincidencia nas súas análises sobre as problemáticas da mocidade foron claves á hora de acadar este acordo. Consideran que o presente político de Galiza amosa que a mocidade do país vive desde a crise do 2008 un proceso de erosión social e económica que a actual crise sanitaria viu a agravar.
Paulo Ríos, Secretario Xeral de Galiza Nova, analizou que “ás altas taxas de desemprego xuvenil, á emigración forzada ou ao desmantelamento paulatino de servizos públicos básicos, como o ensino, a saúde ou o transporte, vénse sumar desde hai anos o embate do Estado Español contra os dereitos e as liberdades políticas máis básicas”. Segundo Ríos isto supón que as posibilidades de desenvolver unha vida emancipada por parte da mocidade “vense reducidas de xeito abismal”. “ Todo isto fai que o proxecto político dunha Galiza soberana e democrática sexa máis urxente ca nunca” declarou.
Pola súa banda Daniel Barral, de Isca! considerou que “o panorama actual fai que sexa preciso unirmos forzas e facermos fronte común”, pois, segundo considera “a mocidade nacionalista organizada debemos xogar a nosa parte”.
Barral declarou que “hai anos que traballamos no mesmo proxecto de liberación nacional e que temos ao BNG como referente político”. Esta sintonía existente considera que “non é conxuntural”, senón que é o “resultado esperábel de acreditarmos na República Galega como único futuro posíbel para a mocidade”. Ademais, considerou que ese é o único marco democrático a través do cal “conducir todas as loitas”, facendo fincapé na loita de clase, o feminismo, a loita LGBT, o antiimperialismo e “calquera outra loita contra a opresión ou discriminación”.
Na rolda de prensa sinalaron que coa sinatura deste acordo a mocidade que participa do BNG pasará a estar integrada nunha soa fronte común, consolidando Galiza Nova como a organización política referencial para a mocidade galega.
Desde Galiza Nova e Isca! esperan que esta integración reverta nun reforzo da esquerda soberanista galega e que contribúa a sumar máis mozas ao seu proxecto político. Segundo o comunicado emitido polas dúas organizacións, esperan que “a suma non sexa apenas cuantitativa, senón cualitativa”, pois consideran que “non é só cuestión de termos máis mans a puxar do carro”, senón que “é preciso que a mocidade teña unha voz de seu e unha maneira de articular a solución daqueles problemas que a afectan de maneira específica”. O comunicado emitido convida a todas as mozas a participaren no proxecto de construírmos un país de todas e para todas.