BNG | nota de prensa

Pontón pide a Xunta e ao Estado que actúen contra sentenza de Meirás porque é “indigno” indemnizar aos espoliadores

Reforzar a protección BIC do pazo e presentar recurso, medidas para frear unha sentenza con “claro tufo franquista que no se pode normalizar”
Pontón pide a Xunta e ao Estado que actúen contra sentenza de Meirás porque é “indigno” indemnizar aos espoliadores
P1311731
Ana Pontón e diputadas do BNG

Destaca que a Lei de Saúde é unha chapuza xurídica e que non se combate a pandemia sancionando á cidadanía senón reforzando a sanidade

Santiago de Compostela, 21 de Abril 2021.- A portavoz nacional, Ana Pontón, propón unha dobre actuación inmediata contra a sentenza que permite aos Franco quedarse co mobiliario do Pazo de Meirás: por parte da Xunta, reforzar o BIC do inmoble e, por parte do Estado, recorrer o fallo.

“A Xunta debe completar a declaración BIC que protexe o Pazo de Meirás cun anexo no que se detalle que os bens do interior do inmoble están vinculados con ese sitio histórico e, por tanto, que se impida que se podan trasladar. E o Goberno do Estado debe interpoñer xa unha demanda para reclamar a titularidade deses bens porque é evidente que houbo erros na defensa proposta polo Executivo central que desemboca en sentenzas como esta”, explicou Pontón, tras a unha visita ao conservatorio de Santiago.

Para a formación nacionalista, a réplica por parte das Administración debe ser contundente e inmediata ante unha sentenza que considera “unha labazada á dignidade do País”. “Que se poñan a traballar xa porque non podemos dar por boa esta sentenza na que se nos di que temos que indemnizar á Familia Franco, que pode espoliar unha parte dos bens do Pazo de Meirás que é todo un símbolo na loita contra o franquismo. Desde o BNG imos traballar e presionar nesa dirección”, indicou .

“É indignante unha sentenza xudicial que nós di que hai que indemnizar á familia Franco que estivo ocupando de xeito ilegal un ben público, e non podemos aceptar isto con normalidade senón denunciar o tufo franquista deste tipo de sentenzas e reclamar que Xunta e Goberno do Estado actúen”, concluíu.

A preguntas dos medios, Pontón tamén valorou a decisión do Tribunal Constitucional de suspender os artigos máis polémicos da Lei de Saúde tras a reforma aprobada en solitario polo PP.

“É ben coñecida a opinión do BNG sobre o TC e a súa utilización política por parte de PP e PSOE, pero o propio Feixóo era consciente de que a Lei de Saúde era unha chapuza xurídica, -indicou Pontón-, e tan consciente era que non foi proposta desde o Goberno senón que se tramitou a través do grupo parlamentario eludindo informes xurídicos, unha lei que ademais é inútil para loitar contra a pandemia porque para iso o que se necesita é reforzar a sanidade pública non establecer un relatorio de multas e sancións a unha cidadanía que, maioritariamente, tivo un comportamento exemplar”.

Pontón pide a Xunta e ao Estado que actúen contra sentenza de Meirás porque é “indigno” indemnizar aos espoliadores