Eleccións autonómicas
Mercedes Queixas do BNG compromete máis servizos públicos e menos bonos cheos de mentiras e propaganda
Na mañá de hoxe, Mercedes Queixas, número 2 da candidatura do BNG ao Parlamento galego, compartiu un café e dialogou coas usuarias do Servizo de Atención ao Fogar (SAF) en Cambre. O obxectivo, coñecer de preto as súas inquietudes e necesidades, e reforzar o compromiso do Bloque Nacionalista Galego co benestar social.
Queixas expresou a súa preocupación pola xestión dos servizos de benestar social nos últimos 15 anos de goberno do PP. Sinalou a irresponsabilidade da Xunta ao delegar competencias nos concellos sen os recursos necesarios. Ademais, denunciou a privatización dos coidados ás persoas maiores e discapacitadas, destacando a falta de prazas públicas nas residencias e centros de día.
A candidata nacionalista tamén fixo referencia ao recente anuncio do Bono Coidado, criticando que non sexa unha prestación nova nin universal. Sostén que se trata dunha mínima actualización, non como resultado dunha iniciativa propia da Xunta, senón obrigada pola reforma da Lei de Dependencia estatal. Diante disto, Queixas subliñou a necesidade de menos mentiras e manipulación na xestión dos servizos sociais.
En contraposición á xestión actual, o BNG propón unha alternativa clara e contundente. Queixas comprometeuse a que, cun Goberno liderado por Ana Pontón, haberá un aumento significativo no financiamento do Sistema de Atención ao Fogar. Esta achega de 86 millóns de euros pretende mellorar tanto as condicións laborais das traballadoras como a calidade das prestacións ofrecidas aos beneficiarios do servizo.
A candidata do BNG destacou que a prioridade do goberno do cambio galego será a mellora do benestar, asegurando unha lonxevidade chea de calidade de vida e un coidado axeitado para as persoas dependentes. O compromiso estendeuse a garantir unha resposta áxil en todo o proceso de prevención, detección, valoración e atención, apostando así por un sistema de benestar centrado nas necesidades reais da cidadanía.