Capitalismo

A morte do Benestar e a antropofaxia capitalista, antes de falar dos tratados que veñen

Un historiador e un sociólogo debuxan o mapa da catástrofe social das últimas catro décadas na apertura da xornada sobre o futuro que deseñan os tratados de libre comercio.

A morte do Benestar e a antropofaxia capitalista, antes de falar dos tratados que veñen
declaracion durante o acto-min
Declaración na Coruña contra os tratados de libre comercio.

O historiador catalán Josep Fontana e o sociólogo Andrés Piqueras Infante, profesor na Universitat Jaume I en Castelló, eran os encargados onte de abrir o congreso sobre os tratados de libre comercio que a Fundación Galiza Sempre e o Centre Maurits Coppieters  organizaron na Coruña baixo a coordinación do profesor  Xosé Manuel Carril, da UDC.

Fontana e Piqueras ían debuxar o mapa do mundo no que se inscriben eses tratados de libre comercio que se negocian as agochadas e sen mecanismos de control democrático porque precisamente tratan de reverter os freos que a democracia foi quen de establecer ao imperio do capital.

Fontana non puido asistir, pero enviou a gravación en vídeo da súa intervención na que en apenas vinte minutos deu conta das razóns que levaron a construción dos Estados do Benestar e do proceso histórico da súa destrución.

Sinalou Fontana que os Estados do Benestar nacen nas economías avanzadas do Oeste para conxurar a ameaza do comunismo do Este, que esas sociedades viviron unha “etapa feliz” entre as décadas dos corenta e dos sesenta do século pasado e que esa forma de reformismo capitalista sostivérase sobre dous piares: a potenciación da capacidade negociadora dos sindicatos e unha política fiscal que mirou cara os beneficios empresariais. Puxo como exemplo dese reformismo as políticas de Lyndon B. Johnson: a guerra contra a pobreza, a formalización dos dereitos civís, a promoción da educación pública e do primeiro servizo de asistencia médica nos Estados Unidos. Daquela as nacións construíanse desde abaixo, dixo Fontana. No Oeste, con demandas de melloras económicas e sociais. No Este, con demandas de liberdades e democracia. E a vangarda desa rebelión non foron os descamisados, senón os estudantes. Unha xeración enteira fóra da lei, fuxindo da guerra e consumindo drogas nos EE.UU. Os estudantes en París e Rudi Dutschke…

Despois de maio, aquelas sociedade empezaron a virar na década seguinte. “As elites económicas, que xa tiñan unha forte influencia sobre os gobernos, decidiron que chegara o momento de empezar a recuperar o que cederan”, explicou Fontana que situou o momento no que o movemento obreiro constatou a ruptura do pacto social. En 1978, Douglas Fraser, presidente da unión de traballadores do automóbil e que facía parte do comité que asesoraba a Administración Nixon en materia laboral, presentou a súa renuncia advertindo que os líderes da industria, o comercio e as finanzas de Estados Unidos “romperon o fráxil pacto non escrito” declarando “unha guerra unilateral de clases contra os traballadores, os desempregados, os pobres, as minorías, os moi mozos e os moi vellos, mesmos contra moitos da clase media”.

Hai historia segue con Reagan e Thatcher até as políticas de austeridade posteriores a crise do 2008, co ataque aos dous piares sobre os que se sostivera aquela sociedade feliz (os sindicatos e os sistemas fiscais redistributivos) e coa “inercia” de políticos e intelectuais “que no mellor dos casos miraron cara outro lado”. A conclusión de Fontana é que os facedores da historia nestes tempos son as elites, e que para os de abaixo só cabe a esperanza de que os medos daquelas mitiguen o malestar no que viven eles. E unha constatación: este sistema político non ten capacidade para deter ás elites.

Andrés Piqueras

Un globo e unha cascuda

A conclusión de Andrés Piqueras é inda máis crúa: o sistema é unha cascuda que está devorando ás súas patas, que somos nós, os de abaixo.

Piqueras recolleu o testemuño de Fontana e continuou debuxando o mapa, o mundo de hoxe e mañá, con pinceis do marxismo e conceptos popularizados nestes anos polos economistas que se foron saíndo do rego. A caída da taxa de beneficio, a sobreacumulación de capital fixo, a financiarización da economía… procesos que explican os límites do sistema e como actúa o sistema cando toca os límites.   

Empezou suxerindo unha imaxe que dá conta da fase actual (“un globo que se infla no medio desta sala [o Paraninfo da UDC] e medra e medra até que ocupa todo o espazo e xa non ten posibilidades de seguir crecendo, este é o momento final da expansión do capitalismo”) e presentando as cifras: a curva ascendente das ganancias en progresión xeométrica desde finais do século XIX até comezos do XXI, e a curva descendente da porcentaxe de beneficio empresarial nesa larga onda da crise que empezou nos anos setenta. Deu razón dos límites externos, as paredes, un excedente de capital que non hai onde inverter e un descenso da produción de bens e no consumo de fontes básicas de enerxía. Os límites internos veñen definidos, explicou, pola automatización que aumenta o capital fixo por unidade de produción, unha sobreacumulación que ao tempo que impide a extracción de plusvalía (“esta só se extrae dos seres humanos”) xera unha aceleración que impide a creación de valor. “A taxa de ganancia decrece porque decrecen o plusvalor e o valor”, resumiu Piqueras, “entre outras cousas porque a produción vai a tal velocidade que non hai expansión de mercado capaz de consumir iso e en paralelo o poder adquisitivo dos traballadores vai diminuíndo”.

Para frear esa baixada da taxa de ganancia, o capital do “capitalismo dexenerativo” deu “un golpe de Estado mundial” (esa ruptura do pacto fordista) na procura de mecanismos que minimicen a caída. Estes son algúns deles: a explotación cada vez maior das poboacións que seguen enganchadas ao traballo, as deslocalizacións espaciais da produción ou temporais (os mercados de futuros), o desenrolo de mercados nas últimas periferias que se esgotan cada vez máis rapidamente… “son eses países chamados emerxentes os que evitaron o colapso nestes anos”.

Cando a expansión marca uns límites tan precisos, a saída, sinala Piqueras, búscase a través da involución. É cando o globo se converte nesa cascuda que xa non ten outra cousa que comer que a si mesma.

O diñeiro flota

“Só un de cada vinte dólares en circulación ten base real. Estamos xogando ao Monopoli, é unha cuestión de fe, intercambiamos eses billetes porque cremos que valen algo. Na realidade, o que sucede cando o diñeiro non topa onde inverter para seguir converténdose en capital, os donos do diñeiro xógano á ruleta rusa. Entón é cando o diñeiro flota. Até agora este era un xogo no que participaban só os que gañaran, pero xa estamos participando todos nós sen sabelo por medio dun proceso de expropiación”. É a outra saída: a desposesión dos que fan parte das sociedades integradas, autofagotización.

Asistimos a un proceso de re-proletarización, afirma o sociólogo, polo que se destrúen os medios de protección social, a explotación dilúese tamén fóra do ámbito do traballo asalariado no que o traballador pon os medios de produción e mesmo paga para que lle permitan traballar, e a un nivel social, estamos pagando para que haxa postos de traballo.  E aquí é onde teñen encaixe estes tratados de comercio internacional, máis de 2.200 en vigor, só a UE ten asinado máis de 1.100 deles, nesa planificación mundial da desposesión dos de abaixo. Esa guerra de clases que entrou “nunha dinámica de todo o nada, por iso as opcións reformistas, socialdemócratas, xa non serven e estamos abocados a procesos de ruptura”, concluíu Piqueras.

A oposición desde o institucional

Logo de Fontana e Piqueras houbo unha declaración dos partidos políticos presentes no congreso (pódese ler premendo aquí) na que manifestan a súa vontade de “continuarmos en unión cos Pobos do mundo para a formación dun contrapoder fronte ao actual modelo económico globalizado, que invade e determina coa súa irracionalidade a maioría dos acontecementos e espazos sociais da convivencia humana”.  Son partidos pequenos, de nacións sen Estado, que seguen loitando dentro das institucións, unha area que probablemente non se pode abandonar, pero a que habería que dedicarlle menos esforzos si se acredita nas lecturas que fan Fontana e Piqueras: 1) que este sistema político non ten capacidade para deter ás elites, e 2) que as opcións reformistas, socialdemócratas, xa non serven e estamos abocados a procesos de ruptura.

Adolfo Araiz

Máis os partidos teñen as súas urxencias. Despois de resumir a situación nunha imaxe, “a oligarquía financeira te secuestrada a UE e aos gobernos de Europa”, o representante de EH-Bildu, Adolfo Araiz, sinalou que “o que se pode facer e dicir non aos tratados como o CETA e o TTIP. Un non argumentado, que dea ocasión para un debate sobre como debe ser o comercio internacional e como limitar a impunidade das multinacionais”.

Conferencia. Jordi Solé e Ana Pontón-min

Jordi Solé, por parte de Esquerra Republicana de Catalunya, ofreceu un decálogo da súa visión dun outro comercio internacional. Incidiu na necesidade de evitar eses tribunais de arbitraxe que queren impoñer os novos tratados e na necesidade de combinar os acordos con plans concretos sobre dereitos humanos e loita contra o cambio climático. “Somos partidarios da cesión de soberanía, pero sempre que esa cesión se faga voluntaria e democráticamente”, dixo para xustificar unha postura en prol do “multilateralismo fronte ao bilateralismo” destes tratados.

Helen Ryckamns deputada no Parlamento de Valonia e membro de Ecolo

Helen Ryckamns, deputada no Parlamento de Valonia como membro de Ecolo, explicou como forzaran modificacións nos acordos previos facendo uso da soberanía da cámara valona, que ten a potestade de sancionar tratados internacionais. Ryckamns chamou a atención respecto de que a Comisión Europea excedera o seu mandato e se negara a rexistrar en outubro do 2015 unha iniciativa lexislativa popular que recolleu máis de tres millóns de sinaturas contra o TTIP. “Deberíase avaliar calquera lexislación antes de adoptala, por exemplo, avaliar se fai que as empresas poidan pasar por riba das instancias democráticas”, advertiu a deputada antes de concluír cunha recomendación: “deberiamos interesarnos por estes acordos desde o momento en que se empezan a negociar”.

Gael Simon-min

“O que pedimos é que Bretaña e a Loira Atlántico se declaren fóra do CETA e do TTIP como xa fixeron concellos importantes como Reims ou Nantes”, indicou Gael Simon, representante da UDB bretona onte no congreso. Simon explicou que dada a estrutura do Estado francés, estes tratados serán aprobados sen problemas polo Parlamento francés e “nós non poderemos dicir nada mentres sufrimos as consecuencias: o peche de empresas agroalimentarias, as deslocalizacións, o recorte de dereitos sociais…”. Simon considera que o que pode facer a súa formación e promover un debate sobre a necesidade de apostar polos circuítos curtos na cadea alimentar e a un nivel máis amplo “favorecer a democracia participativa para que todos poidamos ser escoitados”.

Voz e veto

Ana Pontón, a portavoz nacional do BNG, pechou as intervencións desde a mesa antes de que a moderadora, Ana Miranda, dera paso a un vídeo de Pádraig MacLochlainn, representante doutra das formacións que asinou a declaración, o Sinn Féin, que non puido acudir ao acto. Pontón lamentou o escaso debate respecto dos tratados que se deu no Parlamento español e a ausencia de debate tamén na Galiza, “nin no Parlamento, que non ten competencias sobre esta cuestión nin nos medios públicos e privados… Probablemente sexa este o debate máis importante que se teña dado no país respecto do CETA e do TTIP”. A parlamentaria nacionalista avanzou que os impactos destes acordos sobre a economía galega serán semellantes aos que provocara o proceso de construción europea. “Os problemas máis importantes do país se agudizan”, sostivo mentres sinalaba á pesca, á gandería e á produción de enerxía. “Con estes tratados será imposible, por exemplo, evitar casos como o de Corcoesto”. Pontón rematou reclamando “voz e dereito de veto” sobre estes acordos para as nacións sen Estado.


 

A morte do Benestar e a antropofaxia capitalista, antes de falar dos tratados que veñen