“Temos que madurar e en canto expira unha tecnoloxía, abrir a porta a outra”
“Pecharía a refinaría e electrificaría a circulación pola AP-9 “
ENTREVISTA | Pablo Álvarez (Vilagarcía, 1981) é presidente de Nosa Enerxía, unha comercializadora de electricidade que promove o uso de renovables. No seu primeiro ano no mercado, deu servizo a unhas duascentas familias no país.
Escoiten a este home. Nun corto paseo polo peirao de Vilagarcía pode describir tres ou catro novas formas de xestionar a enerxía que está no medio: aeroxeradores nas lámpadas de alumeado público, paneis solares sobre os tellados das naves e edificios administrativos, ou muíños offshore enganchados con turbinas submarinas, para salvar o problema da profundidade, e conectados por cable coa costa ou cun buque de almacenamento. No seu primeiro ano no mercado, Nosa Enerxía deu servizo a unhas duascentas familias no país son 200 megavatios que se inxectan no sistema procedentes de fontes limpas“É pouco, é certo, pero non só reducimos o custo da luz”, sinala Pablo [Nosa Enerxía estima en “case cen euros” o aforro anual medio dun socio respecto dos contratos que ofrecen as grandes compañías], “estamos aforrando cartos ao país en canto a que contribuímos a reducir o impacto medioambiental”.
- Quen fai o traballo na cooperativa?
- Pois o consello reitor, seis persoas, con axuda dalgúns socios. Todo é traballo voluntario. Mesmo o da asesoría, que é unha cooperativa de Compostela. Queremos contratar a unha persoa por unhas horas para que leve a facturación. É imprescindible levar a facturación ao día porque precisamos ingresos para pagar a enerxía que metemos no sistema e os prazos son curtos, un fallo podería supoñer a perda da licenza para operar. Temos moita responsabilidade porque xogamos con cartos dos socios e porque estamos abrindo un camiño fronte as compañías do oligopolio.
- Cal é ese camiño?
- O primeiro que nos preguntan sempre é ‘canto vou aforrar?’ Nosa Enerxía dá voz e voto ao socio para que decida sobre as tarifas. Un dos obxectivos é democratizar a enerxía cara a soberanía enerxética. O que facemos é buscar o prezo máis xusto dentro das posibilidades que nos deixa o mercado, ese marxe do 4% de beneficio que se permite negociar. Mentres non teñamos a capacidade de producir, que é outro dos obxectivos, non poderemos incidir moito no prezo. Tampouco podemos acceder a clientes con tarifa TUR, impídennos entrar nese mercado. Pero nas tarifas verdes somos competitivos.
- Cal é a diferenza para o consumidor?
- No modelo vixente, o consumidor é só cliente. Está nas mans do oligopolio e da normativa do goberno. Un auténtico complot. A nosa proposta é: si es consumidor, por que non podes ser tamén propietario da túa empresa enerxética? E indo máis alá, por que non podes ser tamén produtor? Un estudo encargado pola European Renewable Energies Federation indica que hai 264 millóns de europeos que poderían ser prosumidores; é dicir, producir e consumir a súa propia enerxía. Unha vez, nunha reunión de comuneiros na que se queixaban de que Ence lles pagaba pouco, que a Xunta os subvencionaba pouco, fun e díxenlles: “por que non vos reunides e mercades un paquete de accións de Ence para entrar no consello de administración e discutides alí?” Nada o impide. Podemos actuar nese sentido. O sermos copropietarios podemos incidir sobre a política de tarifas e sobre o destino dos beneficios.
- Onde irán os vosos beneficios?
- Neste primeiro ano calculamos que por socio puidemos xerar un excedente duns 30 euros. Inda é pouco. Pensamos que por cada 600 socios teriamos a capacidade para crear un emprego. Pero a idea é tamén facer descontos. E ir desenvolvendo proxectos de xeración enerxética, xa andamos nalgún de autoconsumo, e tamén andamos participando en iniciativas de acción social. Todo co fin de promover o uso de enerxías renovables. É preciso conseguir unha certa dimensión da empresa. Hai que ter en conta que a nivel do Estado todas as cooperativas de enerxía suman uns 50.000 socios fronte aos 35 millóns de contratos. Non somos nada. As cooperativas máis fortes están en Cataluña, Som Energía, que andará polos 30.000, e Goiener, en Euskadi, cuns 5.000 socios.
- Qué muda o voso modelo enerxético respecto do actual?
- Esixe moitos cambios: paneis fotovoltaicos, autoxeración e autoconsumo, impulso do aproveitamento da enerxía solar, da xeotérmica, soberanía e democracia enerxética …
- Á marxe do petróleo? Sen refinarías coma a da Coruña e coches eléctricos?
- Que nos aporta a refinaría? Uns centos de postos de traballo? E que pasa coas externalidades, coa contaminación? España inviste cada ano 25.000 millóns de euros en importar petróleo e derivados. Habería que substituír a dependencia do petróleo por outras fontes de enerxía. E témolas. Si pecha a refinería, perderíanse postos de traballo e algunhas axencias intermediarias. Sufrirían os países produtores de petróleo.
- As resistencias serían enormes. Vímolo estes días cos traballadores de Ence.
- Esa é a típica reacción dos sindicatos. Pero se pechan Ence e ao día seguinte abre unha fábrica de paneis fotovoltaicos?... En Ourense estivo T-solar. Temos que madurar e en canto expira unha tecnoloxía, abrir a porta a outra. Non hai que esperar por Pemex ou polos fondos europeos.
- O novo modelo enerxético tería implicacións sobre os sistemas de mobilidade e transporte.
- Claro, xa hai tecnoloxía limpa. Miremos cara Estados Unidos, cara Alemaña ou Xapón que están buscando alternativas e creando patentes. Eu pecharía a refinaría e electrificaría a circulación pola AP-9.
- Un capitalismo de renovables?
- Esa é outra cuestión. Non nos vale ese sistema de xestión. Por exemplo, incentívanse unhas fontes e non outras, coma no caso do hidróxeno fronte á solar, por exemplo. Para que o botón o siga tendo unha minoría. O que propomos as cooperativas enerxéticas sen ánimo de lucro é que toda a xente poida xerar enerxía. Pero se iso sucede, quen os controla? Hoxe as loitas pola enerxía son loitas polo control das fontes e da distribución. Miremos a outra escala. Aquí a distribución da electricidade faise de maneira centralizada. Os muíños que xeran enerxía nestes montes da contorna de Vilagarcía deberían servir para abastecer directamente á vila. Rede Eléctrica xestiona dun modo ineficiente.
- Entendo que hai fontes limpas dabondo, pero falla a xestión e o modelo de propiedade?
- Aquí no país temos un enorme potencial eólico, e tamén de aproveitamento forestal, mesmo xeotérmico ou solar. Fixéronnos un cálculo sobre os paneis solares, e aproveitando cubertas de parques empresariais e edificios do país, si se chegaran a ocupar 21 quilómetros cadrados, disporíamos do equivalente a tres veces o consumo actual. Sobran as fontes de enerxía. De feito Alcoa instalouse aquí. Consume o 25% da enerxía que se produce, pero xa podería marchar para Valladolid onde toparía fontes limpas na solar e na eólica. Por que non se lle dá auga quente ás poboacións onde é posible o aproveitamento de fontes xeotérmicas, como Ourense, Cuntis ou Caldas? En Islandia téñena gratis. Non se fai nada porque tócanse moitos monopolios. Logo está o modelo eólico. Colleron o bo e pactaron todo coas grandes compañías eléctricas. Encheron o país de muíños de vento, pero que se aproveita aquí? Xa case nin queda quen faga os muíños.
- Hai pouco, nunha conferencia na Coruña, dixo que o noso petróleo está no monte, pero que o único que facemos é queimalo un verán tras outro.
- Hai lumes. E despois dos lumes, indiferenza. Parece que ten que ser a Administración a que se faga cargo dos montes. O monte xa non sostén economías no rural. Está en perigo mesmo a figura legal da comunidade de montes. Estase matando por abandono ou por querer sacarlle rendas rápido. Son precisas políticas a longo prazo. Xa non hai carballos no país porque se crebou a liña de que cada xeración fora plantando os seus.
- Pero como se pode poñer a producir o monte máis alá do aproveitamento forestal?
- Hai actividades coma o turismo ou a caza que axudan. Desde o punto de vista da enerxía estaría o aproveitamento da biomasa. Estamos traballando nun proxecto con pellets e non conseguimos pellets aquí, traémolos de Canadá, Lituania e ultimamente Segovia. Os pellets que non se recollan este inverno vanse queimar no verán. As comunidades de montes deberían ter a visión de investir parte dos beneficios en xeración de enerxía renovable. Diversificar os ingresos. E contratar xente, porque agora o monte crea pouco emprego, e moitas comunidades só o crean se hai subvención. E que o impacto na paisaxe se compensara con incentivos ás poboacións. Hoxe non hai nada, ou pouco, diso.
- Que cambio cultural esixe algo como o que propón?
- Un acordo común, que todas e todos aportemos a nosa produción á sociedade. Aquí seguimos pendentes do que faga o Estado, do Igape e desas cousas. Outras sociedades máis fortes son quen de xestionar a súa liberdade doutra forma. E de innovar. Nokia comezou facendo zapatos e pasta de papel no século XIX e acabou facendo tecnoloxía dixital. Mesmo habería que ir reclamar esas comunidades de montes que están abandonadas.
- Que importancia ten para Nosa Enerxía que concellos como os de Ames, Rianxo ou San Sadurniño sexan socios?
- É un comezo. Falamos con outros e houbo receptividade no de Compostela e no da Coruña, polo momento sen resultado. Os concellos que se asociaron fixeron o trámite para cambiar os contratos de dous o tres puntos de subministro. Normalmente é o alcalde quen se fai socio e apadriña algún dos contratos do concello. Ofrecen un respaldo institucional moi importante cara os demais socios potenciais.
- Cal é o limiar de socios para facer sostible Nosa Enerxía?
- Para garantir a operatividade serían precisos uns mil socios. Xa hai outras empresas que están funcionando ben con este número. A partir de aí penso que podería empezar o efecto bola de neve e sermos quen de chegar a eses dez mil cidadáns que en toda Galiza poden ser sensibles á nosa proposta.