Esixe que os gobernos do Estado e a Xunta tomen xa as medidas necesarias
O BNG ve prioritario acabar co terrorismo machista
As nacionalistas, que consideran que a inacción política non pode ser un lastre para coas mulleres
Esixen a inmediata modificación da Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, introducindo o termo Feminicidio e iniciar os traballos para desenvolver o Estatuto de Vítima de Feminicidio e a Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero para tamén incorporar a regulación do feminicidio e o estatuto de protección das vítimas do feminicidio
O Bloque chama a participar da concentración convocada polo colectivo feminista da Marcha Mundial das Mulleres para mañá, as 20.00 h no Obelisco en condena e repulsa do asasinato da ultima vítima do terrorismo machista na nosa cidade
O BNG insta, de xeito prioritario e urxente, tanto ao Goberno do Estado como ao Goberno da Xunta de Galiza, a que tomen todas e cantas medidas sexan necesarias para acabar co terrorismo machista.
Deste xeito, as nacionalistas entenden que, neste sentido, deben ser realizadas as modificacións oportunas na Lei Orgánica 1/2004, de 28 de decembro, de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, introducindo o termo Feminicidio e iniciar os traballos para desenvolver o Estatuto de Vítima de Feminicidio.
“En novembro do ano pasado, precisamente, presentabamos unha moción no Pleno do Concello, instando a esta modificación. Ainacción política non pode ser un lastre para coas mulleres. Os gobernos e as administracións deben ser os primeiros implicados na erradicación do terrorismo machista e do feminicidio e non caben máis demoras para que se modifiquen cantas leis sexan precisas para que se recoñezan e protexan as vítimas”, sinala a portavoz municipal nacionalista Avia Veira.
Neste sentido, o Bloque tamén demanda a modificación da Lei galega 11/2007, do 27 de xullo, para a prevención e tratamento integral da violencia de xénero para tamén incorporar a regulación do feminicidio e o estatuto de protección das vítimas do feminicidio.
“A loita contra a violencia machista debe ser unha prioridade política para todos os poderes públicos, mais esta loita segue sendo insuficiente en moitos casos por limitación de recursos e orzamentos, tal e como denunciabamos diante dos xulgados a semana pasada pola falta dunha persoa substituta para o maxistrado titular do xulgado de Violencia sobre a Muller. O último asasinato de Monte Alto evidencia que o feminicidio non se toma vacacións”, denuncia Avia Veira.
Por último, a organización nacionalista fai un chamamento á veciñanza da Coruña a participar da concentración convocada polo colectivo feminista da Marcha Mundial das Mulleres para mañá, as 20.00 h no Obelisco en condena e repulsa do asasinato da última vítima do terrorismo machista na nosa cidade.