Favorecerá o impulso e consolidación dunha rede feminista na Coruña

O Concello amplía a Escola de Empoderamento Feminista

A edil Rocío Fraga destacou que a programación, que será gratuíta e da que se ofertarán 200 prazas, terá lugar entre os meses de marzo e xuño.
Os novos cursos abordan o teatro comunitario, a danza, a creación musical ou a sexualidade para mulleres maiores de 40 anos

O Concello amplía a Escola de Empoderamento Feminista
EEF
EEF

A Coruña, 14 de febreiro de 2019.- A Concellería de Igualdade e Diversidade presentou esta mañá a terceira edición da Escola de Empoderamento Feminista, iniciativa municipal posta en marcha o pasado ano co obxectivo a participación activa das mulleres como suxeitos políticos e sociais da cidade. “Este programa nace como unha política transformadora, cun enfoque fundamentalmente vivencial, para alentar o empoderamento”, explicou a edil da área, Rocío Fraga. De cara á nova edición, o goberno local ampliará a oferta de cursos, que pasan de 8 a 11, á vez que aumentará o número de prazas, chegando até as 200. “A Escola de Empoderamento Feminista consolídase como un recurso municipal de formación, aberto e accesible, pero especialmente como unha ferramenta, un espazo de participación activa, de crecemento compartido e creación dun tecido feminista e de mulleres empoderadas na Coruña”, expuxo a concelleira.

A titular da área de Igualdade destacou que, ao longo de 2018, máis de 150 persoas, “cun perfil moi diverso tanto de idade, entre os 19 e os 80 anos, como procedencia”, asistiron ás dúas primeiras edicións da iniciativa, que se celebraron en distintos barrios da cidade co obxectivo de favorecer a participación e o acceso á Escola desde a proximidade. “A través da avaliación co profesorado e o alumnado, a Escola sométese a un proceso de mellora continua, de xeito que nesta nova etapa introdúcense melloras solicitadas por ambos grupos, como a ampliación do número de sesións dalgúns obradoiros ou a introdución de novas propostas que complementen a oferta previa”, explica Fraga. Así, a partir do 11 de marzo, talleres como o de Autodefensa feminista, Cabaré Empoderante, ou Empoderamento e Crecemento Erótico pasarán de ter 16 horas a un total de 24 horas, e introduciranse propostas vinculadas ao teatro comunitario, danza, creación musical e sexualidade para mulleres maiores de 40 anos. Froito da demanda das usuarias, impartiranse as propostas A maleta mínima-Teatro comunitario, unha proposta que afondará na capacidade transformadora das artes vivas partindo da reflexión sobre as identidades; Mover o corpo para mover o mundo, un obradoiro dirixido á toma de conciencia do propio corpo, da súa capacidade expresiva e de comunicación; Rockea como unha muller, no que a través de ferramentas do estilo rock abordarase a ruptura cos estereotipos de xénero na música; ou Eu, me, mi, comigo, un obradoiro que pretende apoiar unha transformación real na vida das mulleres a través do derrubamento dos tabús da sexualidade.

Ademais dos anteriormente citados, a Escola de Empoderamento Feminista ofrecerá novas sesións dos cursos xa consolidados, como Fotocreativa, As mulleres que me conforman, Sentir a vida: homes pola igualdade --dirixido especificamente a homes de todas as idades-- e Coidar coidándonos, dirixido ao colectivo de mulleres coidadoras de persoas dependentes co obxectivo de favorecer que este colectivo, especialmente vulnerable, recoñeza a importancia de coidar da súa saúde e fomente o seu autocoidado.

Inscricións na Escola de Empoderamento Feminista

Todos os obradoiros da Escola de Empoderamento Feminista son de carácter gratuíto e teñen un límite de prazas. A inscrición poderase realizar, entre o 18 e 27 de febreiro, a través dun formulario no web www.coruna.gal/igualdade. Ademais, habilitarase unha xornada de inscrición presencial, o 20 de febreiro, no centro cívico da Cidade Vella -- en horario de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.30 horas--. No caso de que o número de solicitudes supere o número de prazas dispoñibles, estas adxudicaranse mediante un sorteo público --28 de febreiro-- e específico para cada un dos obradoiros ofertados. O 1 de marzo procederase á publicación das listas de persoas admitidas.

Como en anteriores ocasións, as participantes contarán cun espazo de apoio para a conciliación. A Concellería de Igualdade e Diversidade porá a disposición de todas as persoas que o precisen --e así o soliciten á hora de realizar a inscrición-- un servizo de canguraxe para nenas e nenos a partir dos tres anos. Tamén terán apoio todas aquelas persoas que necesiten interpretación en lingua de signos ou sexan usuarias de audífonos, implante coclear ou outro tipo de prótese auditiva. Para máis información sobre estes servizos ou sobre a propia programación da Escola, pódese visitar o web da Concellería, ademais de chamar ao teléfono 981.184.253 ou escribir ao correo electrónico [email protected].

O Concello amplía a Escola de Empoderamento Feminista