Diversidade sexual e afectiva
O Concello organiza as xornadas "Elisa e Marcela toman as rúas"
A programación, que se desenvolve entre os días 27 e 29 de novembro, remata coa representación da premiada obra de A Panadaría
Elisa e Marcela toman as rúas da Coruña entre o 27 e o 29 de novembro, tres días nos que o Concello da Coruña e a compañía de teatro A Panadaría programan actividades de visibilización da diversidade sexual e afectiva en diferentes puntos da cidade a través da historia destas dúas mulleres, que casaron na Coruña en 1901. As actividades, dirixidas a un público de diferentes idades, conclúen coa premiada representación da peza Elisa e Marcela, da Panadaría, o día 29 de novembro, ás 20.30 horas, no Teatro Colón.
A concelleira de Igualdade e Diversidade, Rocío Fraga, salientou hoxe que as xornadas continúan a liña do traballo posta en marcha polo Goberno local “de visibilización da diversidade de afectos, identidades e expresións ao tempo que se avanza polo seu empoderamento e recoñecemento en pé de igualdade” e que exemplifican iniciativas como Espazo Diverso ou a Escola de Empoderamento Feminista, entre outras. Neste sentido, Fraga incidiu na relevancia da historia de Marcela e Elisa como “referente local da visibilidade das persoas LGTBQI e a necesaria reivindicación da súa figura”, na que abundan estas xornadas. Na presentación participaron tamén a concelleira de Participación e Innovación Democrática, Claudia Delso, o edil de Culturas, Deporte e Coñecemento, José Manuel Sande, e as actrices da obra, Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman, que recibiron como agasallo unha figura de Marcela e Elisa que foi producida polo taller de cerámica de APEM A Coruña e que empregará a Concellería de Igualdade e Diversidade para diversos actos institucionais.
“Temos unha alegría tremenda porque Elisa e Marcela volven ás rúas e a Coruña recíbeas cos brazos abertos. Na representación era moi imporante poñer en diálogo a historia co presente, saber que nos está contando, e nestas xornadas imos poñer tamén a historia en diálogo coa cidade, coas rúas, coa memoria”, manifestou a actriz Areta Bolado. Pola súa banda, o edil de Culturas quixo resaltar que a obra, “exitosa, premiada nos María Casares”, xorde dunha “coprodución, entre o Concello da Coruña e A Panadaría, e dun traballo transversal que recolle unha historia recóndita ou oculta da cidade necesariamente reivindicable, porque na política ficción que é o espectáculo vemos como se sublima a figuras esperpénticas e como contraposición temos a figuras de excelencia como a Elisa e Marcela”.
Programación (descargar)
As xornadas Elisa e Marcela toman as rúas buscan así “enriquecer e acompañar unha proposta teatral dunha historia que aconteceu na Coruña e que tentamos reconstruír para facer un exercicio de xustiza a través destas actividades”, segundo as definiu a edil Claudia Delso, que lembrou que as actividades requiren de inscrición previa a través da web do CMIX, o seu teléfono ou no teléfono 010. O programa comeza o día 27 con Mulleradas, un faladoiro de pracer dirixido especialmente a mulleres de máis de 50 anos que aborda o autocoñecemento e o intercambio da memoria afectiva e de pracer dende un punto de vista feminista. Partirá ás 17.00 horas dende os soportais do teatro Rosalía de Castro. Ao día seguinte, terá lugar Tortigrafías, un obradoiro indicado para mozas e mozos a partir de 16 anos, no que se realizará “un mapa colectivo, colaborativo e queer da cidade onde se misturan crítica, arte e xeografía e no que se poñerá a atención na visibilidade do colectivo LGTBQI co obxectivo de para xerar dinámicas de reflexión sobre a habitabilidade do territorio”, explicou Delso. Comeza ás 17.00 horas do día 28 e terá lugar no centro cívico da Cidade Vella. Por último, o 29, o día da función, realizarase un roteiro teatralizado “que percorrerá os recunchos da cidade que marcaron a historia das protagonistas da peza, tratando de crear un mapa sensorial do que aconteceu en 1901”. O paseo Trotadas comeza ás 18.30 horas nos soportais do teatro Rosalía de Castro. A continuación, ás 20.30 horas, terá lugar a representación de Elisa e Marcela no Teatro Colón. A entrada ten un prezo de 5 euros e a función conta con intérprete de lingua de signos.
Pódese atopar máis información en www.coruna.gal/cmix