Nas bibliotecas municipais
Contacontos para previr a violencia sexual contra a infancia
A edil Rocío Fraga destaca que as actividades, que se desenvolverán desde este luns, 6 de novembro, están dirixidas a menores de entre 4 e 7 anos, “para que aprendan a distinguir dun xeito lúdico os comportamentos afectivos saudables dos non saudables”
Concello da Coruña | 3/11/2017
A Concellería de Igualdade e Diversidade impulsará no presente mes de novembro os Contos para protexer á infancia dos abusos sexuais, unha serie de actividades que se desenvolverá desde o día 6 até o 28 de novembro na rede de Bibliotecas Municipais da Coruña co obxectivo de sensibilizar sobre esta problemática. Tal e como destaca a edil Rocío Fraga, a proposta quere proporcionar tanto aos e ás menores, como ás súas familias, "coñecementos e ferramentas para previr a violencia sexual contra a infancia e crear conciencia sobre todo o que constitúe". "O abuso sexual na infancia é, por desgraza, unha violencia máis habitual do que nos gustaría recoñecer pero, á vez, é unha problemática oculta polo silencio ao que as vítimas se ven condenadas, en especial pola situación de indefensión na que se atopan as e os menores, polas limitacións propias da idade", expón a edil. "As consecuencias psicolóxicas que se relacionan con esta experiencia poden perdurar ao longo do ciclo evolutivo. Desde o goberno local, cremos que é necesario afrontar esta situación e dotar ás nenas e nenos de claves para identificar como negativas certas prácticas e, no caso de que se produzan, darlles ferramentas para a súa defensa", sinala a concelleira.
Así, desde o vindeiro luns, a área de Igualdade promoverá contacontos que, ademais de iniciar ás nenas e aos nenos na lectura, "lles permitirán aprender, dun xeito lúdico, unha serie de cuestións e valores que poderán incorporar, de forma natural, a súa vida cotiá". "Queremos que as e os menores aprendan a distinguir os comportamentos afectivos saudables daqueles que non o son, e que recoñezan a aquelas persoas que si que lles queren, porque lles coidan e respectan", explica a responsable municipal, quen engade que, con esta serie de actividades, "tamén se promove sensibilizar ás familias da importancia da prevención da violencia e abusos sexuais na infancia".
En total serán dous contacontos os que se representarán en diferentes datas, que terán lugar todos os días ás 18.30 horas, agás no caso daquelas que sexan no punto de préstamo de Novo Mesoiro, cuxa actuación terá lugar ás 12.30 horas. O primeiro deles, O Rato Fuco aprende a querer, representarase na biblioteca do Ágora o día 6; na do Fórum, o día 7; na de Monte Alto, o mércores 8; na do Castrillón, o xoves 9; na dos Rosais o venres 10. O día 11 representarase tanto no punto de préstamo de libros de Novo Mesoiro --ás 12.30 horas-- como na biblioteca de Durán Loriga --18.30 horas; e, finalmente, o día 14 na da Sagrada Familia.
De cara a seguinte semana terán lugar as representacións do contaconto Non, aí non. Comezará o día 20 na biblioteca do centro Ágora; o día 21, na do Fórum e o día 22 na de Monte Alto. O xoves 23 chegará ao Castrillón, e o venres 24 aos Rosais, mentres que o día 25 contará, como no caso de O Rato Fuco aprende a querer, cunha dobre representación: pola mañá, contra ás 12.30 horas, será en Novo Mesoiro, e pola tarde, ás 18.30 horas, na biblioteca infantil de Durán Loriga. A última actuación será o día 28 na biblioteca da Sagrada Familia.