Os Mallos
“Queremos que Os Mallos sexa un barrio do que sentir orgullo pleno”
Como se puxo en marcha o proxecto da nova Asociación veciñal dos Mallos?
Pois o certo é que a Plataforma Veciñal como grupo de whatsapp leva funcionando varios anos. Temos comunicación diaria entre nós e damos aviso cando vemos o que acontece no barrio, cando algo que poida ser perigoso ou simplemente unhas luces acesas dun coche para que non se descargue a batería a un veciño ou veciña. A cousa trátase de convivencia. Como grupo de feito, chegamos a ter unha reunión directamente co Concello, coa alcaldesa, para que coñecese de primeira man o noso sentir na contorna na que vivimos. Sendo simplemente iso, un grupo de whatsapp. O que acontece é que para poder ter máis forza como grupo, chegamos á conclusión de que unha Asociación tería moita máis relevancia que un mero grupiño, e optamos por, entre a mesma xente que se orixinou, poñer en marcha esta Asociación, tamén coa idea de colaborar con outra xa existente.
Cantas persoas estades involucradas no proxecto?
Iniciamos o proxecto un grupo de oito persoas de diferentes ideoloxías para poder, a partir de aquí, ir facendo partícipe a todo Os Mallos. Son eu a Presidenta, pero están Xosé Manuel López Trelles ou Ana María Fernández Neira por poñer algún exemplo, ademais de Alejandro Salgado, histórico dinamizador do barrio, fundador de Distrito Mallos, que é presidente honorífico, por votación unánime. Estamos realmente felices de poder contar con el, co seu apoio e presenza. É unha persoa que deu a vida polo barrio e a súa inspiración será o noso eixo central. Somos xente variada co interese común de facer dos Mallos un barrio do que sentir orgullo pleno, do que facer que a xente teña orgullo, porque nós, xa o temos. Agora trátase de ir facendo socios e socias.
Cal é o proxecto da asociación?
O proxecto é, como ben dixen, velar polo barrio. O barrio é o noso obxectivo claro, por iso a colaboración. Somos conscientes da existencia xa dunha asociación e a idea é poder ter unha boa relación que faga que o traballo poida ser conxunto. Reclamar do concello esas melloras tan necesarias ás veces, poder pór en marcha actividades… servir de motor que axude a que o barrio se mova e mellore, que veña comercio, que se revitalice.
Que reivindicacións tedes nestes momentos?
A principal reivindicación é non ser un barrio de segunda, facer forza entre todas e todos para que se melloren eses problemas de fondo que hai como as beirarrúas levantadas, nas que a xente tropeza e cae, non é a primeira ambulancia que leva alguén por este motivo; a falta de iluminación, que favorece certa intranquilidade pola noite e tamén esas caídas porque ás veces non ves nin onde pisas. Por suposto unha mellor comunicación, que o 11 pase pola Avda. dos Mallos, que é a nosa arteria principal, mais sabemos que se pode reforzar con outras liñas que comuniquen co centro, xa que o 11 si, vai ao centro comercial, mais non estaría de máis recuperar o 10 que chegaba a Porta Real. Finalmente, poder loitar contra problemas comúns a todos os barrios como pode ser o tráfico de drogas ou a delincuencia que non é exclusiva nosa, senón de todas as barriadas menos céntricas. Hoxe en día o repunte de tráfico de droga nos barrios é un problema serio no que é preciso que as forzas de orde estean coordinadas para controlar e eliminar, non só para trasladar os problemas dun local a outro. Por outra banda reivindicamos que Os Mallos é un barrio para vivir, é un barrio dos “de toda a vida”, onde a xente se coñece, se axuda... ultimamente estivo como desprestixiado e queremos que se recupere e reviva.
Que vos gustaría dicir ás veciñas e veciños?
Evidentemente que se unan ao proxecto, que canta máis xente poida estár involucrada será mellor para a sociedade. Estamos aquí sempre para botar unha man e o certo é que até agora, só como grupo de whatsapp, temos saído á rúa de madrugada para axudar a alguén, informamos dende cada zona para dar coñecemento ao Concello do estado das beirarrúas, dos baches... Temos constante interacción e a relación é boa, que é o máis importante. Cando se fai unha festa todo o mundo se implica, pero cando se trata de facer recollidas de alimentos ou xoguetes estamos tamén todos e todas aí para botar unha man. Somos xente solidaria e unida, por iso quereriamos xuntar canta máis xente mellor.