Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros | nota de prensa
A Asociación de veciños Oza Gaiteira Os Castros presenta o proxecto Barrios 2030
Desde hai máis de 50 anos desenvolve unha axenda completa de actividades que pode gozar a cidadanía no seu conxunto e que fan do barrio Oza Gaiteira Os Castros un dos máis participativos do Concello da Coruña.
Este ano 2022 dan un paso máis para aumentar a participación e a repercusión das súas accións entre a cidadanía, desenvolvendo un proxecto pioneiro de participación cidadá.
Os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e as súas 169 metas son unha das expresións máis significativas e cuantificables da cidadanía mundial. As Nacións Unidas aprobaron os ODS no seu septuaxésimo período de sesións da Asemblea Xeral, celebrado en setembro de 2015. A súa consecución final quedaría plasmada nun mundo composto por cidadáns mundiais que se ocuparían de: "crear un mundo cunha paz duradeira, un mundo sen pobreza nin fame e onde todas as persoas gocen de saúde e educación. Un mundo onde honremos e protexamos a vida baixo a auga e na terra, un mundo de paz e xustiza para todos".
Baixo a premisa de que a cidadanía é un axente clave na consecución dos fins da Axenda 2030 este proxecto pretende xerar espazos de participación e reflexión, espazos para cocrear novos imaxinarios sobre modelos de vida máis respectuosos a nivel social ambiental e económico, á vez que mellora o coñecemento da poboación sobre os ODS e as súas metas.
Para dar a coñecer o contido do proxecto, o vindeiro luns ás 17:00h organizaron unha presentación na Biblioteca Municipal do Forum Metropolitano xunto a algunhas das organizacións participantes, onde explicarán o seu contido así como outros proxectos en marcha da Asociación e impartirán unha pequena charla sobre os ODS e a Axenda 2030.