Oza

Paulo Sexto: "Comunicamos aos Grupos Municipais o que nos din os veciños"

Paulo Sexto Presidente da Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros detállanos as necesidades e investimentos que necesita o barrio para o ano 2024 e que son urxentes.
Paulo Sexto: "Comunicamos aos Grupos Municipais o que nos din os veciños"
Mobilidade
Mobilidade

Os Orzamentos Municipais do 2024 e as demandas da Asociación Veciñal

Neste momento, os orzamentos do Concello da Coruña están en plena negociación. A Dirección da Asociación Veciñal Oza Gaiteira Os Castros enviou propostas a todos os grupos municipais do Concello (PP, PSOE, BNG) para as melloras que o barrio necesita.

Paulo, presidente da Asociación, expresou: “Somos conscientes de que o Goberno Municipal goberna en minoría e ten que negociar os orzamentos 2024 con todos os grupos municipais”.

Catro temas urxentes para traballar

Transmitímoslles os problemas fundamentais do barrio en catro grupos: Mobilidade, Equipamentos, Medio Ambiente e Participación Cidadá.

Mobilidade

A orografía do barrio é a que é e iso non o podemos cambiar, está cheo de pendentes, e temos unha poboación moi maior, cun porcentaxe alto de mobilidade reducida. Hai que eliminar as barreiras arquitectónicas e mellorar a accesibilidade. Hai solucións como as escaleiras automáticas, ascensores...

Temos tres puntos fundamentais que son: a rúa Jacinto Benavente, as Galerías Comerciais e a rúa Montes.

Por unha banda, é importante rehabilitar e restaurar as Galerías Comerciais adaptándoas a locais comerciais para persoas que queiran emprender. Animamos ao Concello a negociar cos propietarios dos locais para que poidan ofrecer unha renda moi razoable e así dinamizar estas Galerías.

Para mellorar a accesibilidade desde a rúa da Merced e a Avenida de Oza, propoñemos instalar un ascensor detrás do supermercado Mercadona, que uniría as dúas rúas facilitando o acceso dos veciños e veciñas a ambas as rúas, ademais de facilitar que podan acceder aos negocios do barrio para facer as súas compras.

Tranvías, tren de cercanías, transporte marítimo

O vindeiro ano remata a concesión da empresa de Tranvías e está a negociarse outro tipo de concesión. Gustaríanos que fose unha empresa municipal e, se non fose posible, que sexa mixta (pública e privada). E que abarque toda a área metropolitana.

O transporte público que temos non é adecuado para o día de hoxe, hai que mellorar liñas, etc. e as Asociacións Veciñais queremos que o Concello teña en conta as nosas opinións e propostas, xa que pisamos as rúas todos os días e falamos cos veciños e veciñas.

Apostamos por crear o tren de cercanías, cunha estación en San Diego, xa que as vías do tren que xa existen o facilitan. Gañaríamos moito en desconxestionar o tráfico, baixaríamos a contaminación... e xeraríamos riqueza no barrio e tamén na cidade. Este proxecto é viable e así o constata un estudo da Universidade da Coruña.

Propoñemos que se faga un estudo marítimo, unir as rías, para que se poida crear e potenciar o transporte marítimo que tamén favorecería á cidade e á comarca.

Rúas onde o pavimento está moi deteriorado e noutras a estreiteza das beirarrúas non permite o acceso a cadeiras de rodas, etc. é necesario arranxar estas rúas: José González Chas, Travesía de Cerca, Rúa Vaamonde Lores, Rúa Cartagena, Rúa Carballo, Avenida Alberto García Ferreiro, Rúa Nova Travesía Buenavista, Rúa José Echagaray, Buena vista, Avenida Pasaxe.

Medio Ambiente

A curto prazo hai que reformar o Parque Europa. San Diego e Oza están en moi malas condicións. En San Diego e Oza hai que poñer unha pérgola para que no inverno a xente poida desfrutar dos parques. Queremos que se cumpran os orzamentos participativos, aprobouse cubrir os parques infantís por votación popular. E no Parque Europa facer unha zona bio saudable para que a xente poida facer deporte, e por favor: baños públicos no Parque Europa.

Repetimos que o Concello siga mantendo a postura e firmeza de que no Muelle de Oza non se pode poñer a planta de tratamento de hidrocarburos, sabemos que son necesarios, pero alí, se hai un vertido, as correntes mariñas levan á ría e imaxínate o problema, ese non é o lugar adecuado para este tipo de instalación.

Pedimos que esa zona se declare zona emil, zona protexida, toda a zona das Jubias se protexa, xa que son zonas case virxes e que se conserva case o único barrio mariñeiro. Se houbese que construír por dereitos adquiridos, que se vixíe para que teña o menor impacto posible. Ademais temos que protexer o tecido produtivo que aínda queda na zona.

Tamén temos que atender a calidade do aire, non é lóxico que nesta cidade esteamos na cola en calidade do aire, algo temos que estar facendo mal.

Equipamentos

Só temos un Centro de Día que é privado, consideramos que é necesario un Centro de día Municipal.

Os edificios municipais que hai no barrio, Fórum, San Diego, propoñemos que sexan autosuficientes energeticamente. Fixo un estudo do Concello e quedaron fóra os do barrio. Desde 1912 pasamos a formar parte do Concello da Coruña, está na hora de que se nos teña en conta.

Participación Cidadá

En campaña electoral todos os grupos políticos prometen que hai que fomentar a participación e apoiar o asociacionismo e isto ten que demostrarse con feitos. Nós realizamos moito traballo e os medios que temos son moi limitados. Por exemplo, no barrio non temos locais municipais, o que pedimos é ter un convenio nominativo para poder alugar un local e ter a posibilidade de realizar actividades en condicións dignas, aquí e en todos os barrios. E se non o levan a cabo, están a incumprir o programa electoral. Pedimos ter as mesmas condicións e dereitos e fomentar a participación dotando das infraestruturas necesarias. As persoas que nos organizamos temos uns dereitos e non temos que andar mendigando. Se cremos na participación, máis alá das eleccións, deben axudar aos colectivos veciñais activos para que poidan realizar o seu traballo.

Esta comunicación feita aos grupos municipais é o que nos din os veciños e veciñas todos os días ao encontrarnos nas rúas do barrio.

Outro tema, imos recopilar a memoria emocional do barrio, imaxina, aínda hoxe din “vou a Coruña”, este é outro tema moi interesante do que hai que falar.

Feliz ano novo e próspero ano novo e que haxa investimentos para o barrio!

Paulo Sexto: "Comunicamos aos Grupos Municipais o que nos din os veciños"