Adega e Jorquera, críticos coa ex concelleira Bea Mato e con Greenalia
Os ecoloxistas lembran que en 2016 a Xunta modificou unha lei autonómica para facilitar a instalación dun parque eólico en Curtis.
Jorquera sospeita que Mato "tivese utilizado o Concello como estación intermedia para evitar a imaxe de porta xiratoria pasando directamente da Consellaría de Medio Ambiente a unha empresa do mesmo ámbito".
A fichaxe de Beatriz Mato, candidata do PP á Alcaldía da Coruña nas municipais de maio de 2019 e durante algúns meses, concelleira da corporación, pola empresa Greenalia, compañía do sector eólico coa que Mato tivo que negociar na súa etapa como conselleira de Medio Ambiente, disparou as críticas da oposición e colectivos ecoloxistas. Onte, o portavoz municipal do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, explicou nun comunicado que ás nacionalistas lles parece "moi pouco presentábel que a ex conselleira de Medio Ambiente fiche por unha empresa do mesmo sector e que opera nun ámbito sobre o cal ela tomou decisións políticas até moi recentemente".
"É como se tivese utilizado o Concello da Coruña como estación intermedia para evitar unha imaxe de porta xiratoria, para evitar o escándalo de pasar directamente da Consellaría de Medio Ambiente a unha empresa do mesmo ámbito", engadiu Jorquera.
Cambio normativo e outras axudas
Pola súa banda, a asociación ecoloxista Adega, lembrou nunha nota de prensa a vinculación entre Mato e Greenalia. "En xaneiro de 2016 unha empresa enerxética (Renova Generación S.L.) foi adxudicataria de 50MW en biomasa na poxa anual das renovábeis. En outubro dese ano Renova Generación S.L. presentou na Xunta un proxecto para construír en Curtis unha planta de xeración eléctrica con biomasa de 50MW. Mais acontecía que nesa altura o límite de potencia destas plantas eran 10MW, establecido no Decreto 149/2008 aprobado polo bipartito. O proxecto sobardaba pois o máximo legalmente permitido, malia ao cal Industria e Medio Ambiente comezaron a tramitalo. Apenas 2 meses despois o PP derrogou esta norma a través da Lei de acompañamento dos orzamentos de 2017, liberalizando a potencia das plantas de biomasa. E a principios de 2017 apareceu un proxecto similar coas mesmas características (50MW) e ubicación (Curtis-Teixeiro) da man de Greenalia S.L., nova denominación de Renova Generación S.L.", explica Adega.
"Durante a etapa de Mato como conselleira de Medio Ambiente e até 2019, a Xunta autorizou tamén 5 parques eólicos ás distintas filiais de Greenalia, e concedeu 795.000 euros en subvencións e 1 millón de euros en préstamos ás empresas do grupo", sinalan finalmente os ecoloxistas.