Bordo litoral
O xurado do concurso de ideas sobre o bordo litoral selecciona as cinco propostas gañadoras
Os proxectos elixidos son os titulados Porsuporto, Nosfíos, Growing Together, Porto Metropolitano e Ciudad Puerto, que recibirán premios de 25.000 euros e axudarán a conformar un banco de ideas para desenvolver o futuro deseño do bordo litoral
O alcalde, presidente do xurado, e o edil de Rexeneración Urbana abstivéronse na votación final co obxectivo “de manter a equidistancia e ecuanimidade con todas as propostas”
A Coruña, 27 de decembro de 2018.- O xurado do concurso de ideas sobre o bordo litoral mantivo esta tarde no Pazo de María Pita a súa última xuntanza. Os proxectos elixidos son Porsuporto (con 67 puntos), Nosfíos (50 puntos), Growing Together (42 puntos), Porto Metrolitano (27 puntos) e Ciudad Puerto (20 puntos). O xurado abriu tamén os sobres que identifican a autoría de cada unha das propostas seleccionadas, unha vez que se resolveu de forma favorable ao criterio do xurado o recurso presentado ante o Tribunal Administrativo de Contratación Pública da Comunidade Autónoma (Tacgal). Tanto o alcalde, Xulio Ferreiro, como o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela, membros do xurado seleccionado para a elección, abstivéronse da votación final, “de cara a manter a equidistancia e ecuanimidade para con todas as propostas presentadas que agora serán expostas ante a cidadanía para seguir afondando na definición colectiva dun espazo de gran valor patrimonial que constitúe unha gran oportunidade para a cidade a todos os niveis”. “Con este concurso pretendiamos enriquecer aínda máis o debate e penso que o conseguimos, xa que o resultado é un banco de ideas heteroxéneo con propostas diversas”, comentou o edil.
A valoración dos proxectos fíxose atendendo aos criterios sinalados nas bases e que veñen marcados polas conclusións do foro Tecendo Litoral, como son a integración urbana entre o porto e a cidade --usos, posta en valor do patrimonio, esquemas de ordenación e solucións de conectividade e integración--, a mobilidade e accesibilidade, a sustentabilidade, o modelo económico innovador e a participación cidadá. As cinco propostas gañadoras, que recibirán un premio de 25.000 euros cada unha, serán agora presentadas de maneira pública para poder iniciar a fase de valoración cidadá, que comezará en febreiro. “Os proxectos elixidos, como todos os que se presentaron, son moi heteroxéneos, o que contribúe a incorporar diferentes puntos de vista sobre os usos e funcións respecto dos terreos do bordo litoral e conformar un banco de ideas para seguir concretando e traballando neste proceso de decisión colectiva”, apuntou o concelleiro Varela.
Esta última reunión serviu tamén para que o concelleiro fixera balance do concurso, do que considera que “cumpriu con creces os seus obxectivos, que non son outros que implicar ás diferentes institucións, fomentar a participación cidadá e xerar un banco de ideas para o futuro dos terreos portuarios”. O xurado estivo composto por profesionais de recoñecido prestixio de ámbitos como a arquitectura, a paisaxe, o urbanismo, a enxeñería, a Universidade da Coruña, representantes de entidades e institucións implicadas no futuro da cidade e membros de todos os grupos da Corporación Municipal. No seu labor contou tamén coa achega, por medio do presidente do xurado –o alcalde–, dun comité asesor integrado por destacados membros da sociedade civil coruñesa. “O concurso permitiu o que non tivemos ata o momento, que foi sentar a persoas representantes de todas as diferentes institucións con algún tipo de vínculo co porto da cidade para falar e debater, sobre propostas concretas, arredor da futura configuración dos terreos portuarios. As deliberacións do xurado, como se verá nas actas, axudan a seguir enriquecendo o debate”, manifestou o titular de Rexeneración Urbana.
Tras a selección das propostas gañadoras abrirase un período de presentacións públicas a cargo das persoas autoras dos proxectos e unha fase na que “se seguirá fomentando a participación cidadá e o debate arredor do bordo litoral, o que afonda na diferencia a como se abordou este asunto tan relevante para a cidade no pasado”. A cidadanía poderá votar e decidir cales son as máis interesantes en cada un dos criterios que rexen o concurso. As cinco propostas pasarán a conformar un banco de ideas e teranse en conta na elaboración dos documentos técnicos que se elaboren no futuro.