Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica trasládalle ao alcalde de Arteixo a súa “aposta incondicional” pola área metropolitana
María García e Iago Martínez, voceira e vicevoceiro do grupo municipal da Marea Atlántica, mantiveron unha xuntanza co rexedor de Arteixo, Carlos Calvelo, un dos máis reticentes durante o pasado mandato a impulsar a constitución da área
Os edís constataron que, malia ás diferenzas e os reparos de Calvelo, hai diagnósticos compartidos sobre os que cómpre construír un proceso o máis amplo e ambicioso posible
A Coruña, 28 de xullo de 2021.- A voceira da Marea Atlántica, María García, e o vicevoceiro, Iago Martínez, reuníronse esta mañá co alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, continuando coa rolda de contactos coas alcaldías da área e como xa fixemos en Sada, Oleiros, Cambre, Bergondo e Abegondo. Aínda coñecedores das reticencias do rexedor arteixán, manifestadas xa durante o pasado mandato, os edís quixeron trasladarlle de primeira man a “vontade incondicional e por enriba de calquera cálculo electoralista” da formación municipalista de impulsar a constitución da Área Metropolitana da Coruña. Foi unha das prioridades do alcalde Xulio Ferreiro e será un dos asuntos decisivos nas conversas iniciadas nas últimas semanas co goberno local da Coruña para sacar o Concello da “desorientación estratéxica” actual.
Como di a voceira da Marea Atlántica, María García, “Temos que ser capaces de artellar solucións conxuntas e cooperativas para os grandes desafíos dos concellos e que non van ter unha resposta doada se se abordan de xeito individual. É fundamental que asuntos como a vivenda, a mobilidade, a auga ou a enerxía teñan en conta a case medio millón de habitantes, alén dos marcos de cada concello. Hoxe vimos aquí a escoitar as aportacións de Arteixo, que dende logo é unha peza imprescindible. Non hai resistencia que non se poida vencer con vontade política”.
Desde que o Pleno da Coruña se comprometeu en outubro de 2019 a impulsar un proxecto de Lei de Área Metropolitana e levalo ao Parlamento de Galicia, non se produciron máis avances. Unha parte débese á pandemia e á crise sanitaria, que dificultou o traballo. Pero outra procede, innegablemente, do desinterese do goberno de Inés Rey.
Deste xeito, Nostián atravesa unha crise que pode sentenzar o seu futuro, cunha concesión caducada e sen visos de renovala neste mandato, cun goberno municipal que carece de modelo de política ambiental. Nostián como alternativa ao modelo de incineración en Sogama está en risco, e só pode resolverse co compromiso das alcaldías da área.
O transporte público é outro reto claramente metropolitano. Reordenar as liñas de bus na Coruña é un traballo necesario, pero quedará coxo se non se afonda na conexión cos concellos limítrofes, nos que viven boa parte das persoas que traballan na cidade. Para iso é necesaria unha autoridade única que coordine o transporte e ofreza unha alternativa real a moverse en coche. E o mesmo coa vivenda. Mentres os municipios compitan para ofrecer solo, só gañan as promotoras privadas, mentres a veciñanza ve subir os prezos cada vez máis lonxe do seu peto. O urbanismo ten que afrontarse dun xeito global.
Hai tempo que a cidade da Coruña desbordou os cativos límites oficiais do Concello. O aeroporto está en Culleredo, a planta de tratamento de augas, en Cambre e o porto exterior en Arteixo, e milleiros de persoas se desprazan cada día entre os municipios da contorna. Tal e como sinalou María García, “para adaptar a estrutura administrativa á realidade evidente, é precisa unha nova ferramenta de goberno. É precisa unha área metropolitana”.