Vivenda

Coruña ampliará o parque municipal de vivendas

O Concello aprobará o venres unha partida de 1,26 millóns de euros para comprar pisos que os cidadáns poderán ofertar durante dous meses.

Coruña ampliará o parque municipal de vivendas
Edificios na praza das Conchiñas, na Agra do Orzán
Edificios na praza das Conchiñas, na Agra do Orzán.

O goberno da Marea Atlántica pretende aumentar o exiguo parque de vivenda municipal -composto por 403 inmobles- e, ao mesmo tempo, impulsar a rexeneración urbana nas zonas máis degradadas da cidade, segundo explicou onte Xiao Varela, responsable de urbanismo. Segundo un estudio ao que aludiu o concelleiro, existen na cidade preto de 450 inmobles completos deshabitados e case 20.000 vivendas baleiras.

O Concello destinará 1,26 millóns de euros, partida correspondente aos orzamentos deste ano que deberá ser aprobada na xunta de goberno deste venres, a un concurso público para a adquisición de vivendas.

Abrirase un período de dous meses para que as persoas interesadas poidan presentar as súas ofertas. Despois o Concello procederá a realizar un listado cuns criterios que, terán en conta, no lote 1 -pisos e vivendas unifamiliares-, o prezo do metro cadrado como cuestión principal. O prezo máximo a pagar será de 1.700 euros por metro cadrado de superficie construída. No lote 2 -edificios- atenderase á propiedade do edificio e igualmente valorarase o nivel de catalogación e a súa inclusión no ámbito Pepri. Unha vez elaborado o listado, o Concello realizará unha valoración dos inmobles, que se engadirá á oferta presentada polo propietario e a unha taxación externa que tamén se solicitará desde o Concello. Entre estas tres valoracións escollerase a máis baixa e será a que sirva para facer a oferta desde o Concello.

Segundo informa o Concello en nota de prensa, "o que queremos é poñer en marcha unha medida de apoio á rexeneración urbana e dar unha saída a certos edificios e persoas propietarias que, por falta de cartos ou outras razóns, non tiveron a capacidade de poñer os inmobles en servizo", dixo Varela, quen salientou que ademais "dá pé ao Servizo de Ruínas -dependente desde hai unhas semanas de Rehabilitación e Vivenda- a propiciar unha saída aos edificios que están nunha situación máis comprometida”.


 

Coruña ampliará o parque municipal de vivendas