Medio Ambiente

As pancartas que colgan do Concello servirán para bolsas dos mercados

Coruña impulsará iniciativas de economía social que teñan que ver coa reutilización de materiais de publicidade institucional.

As pancartas que colgan do Concello servirán para bolsas dos mercados
Pancarta estes días na fachada do Concello da Coruña
Pancarta estes días na fachada do Concello da Coruña.

María García, a concelleira de Medio Ambiente, anunciou a medida nunha visita onte ao CIFP Paseo das Pontes, onde explicou diante dos alumnos do ciclo de Patronaxe e Moda que desta forma se lle dará “unha segunda vida a un material de gran calidade que até agora non se reutilizaba”.

De María Pita colgaron nos últimos tempos enormes pancartas con lemas de apoio á Sanidade Pública, reivindicacións contra a violencia de xénero, en defensa do común da fachada marítima. Estes días, hai outra para recordar á cidadanía que andamos de festa das Letras… Alguén da Comisión Aberta pensara en usar aquela pancarta da defensa do común para a manifestación do pasado día 7, pero quitáronllo da cabeza. Demasiado grande. Ancha. Farían falta xigantes para levala. Pero os traballadores de Medio Ambiente xa repararan nun uso alternativo. Na Coruña mesmo hai quen aproveitou os PVC que penduran nas rúas durante as eleccións para facer bolsos. E non hai moito, nunha presentación de iniciativas cooperativas de reutilización de materias urbanos que tivo lugar no Ágora (ver aquí) alguén falou dunha idea semellante.

Mais non serán bolsos, senón bolsas, o destino final das lonas das pancartas. "Estamos a traballar con distintas entidades con fins sociais co obxectivo de reutilizar estas lonas", comentou a responsable municipal. E non serán so as lonas das pancartas, tamén as das luminarias das rúas.

O proxecto “de economía circular” é máis ambicioso e, en palabras de María García, desde o Concello preténdese que iniciativas coma esta sirvan para “impulsar modelos de economía social vinculados a elas ".


 

As pancartas que colgan do Concello servirán para bolsas dos mercados