Consello económico e social

Por iniciativa do BNG, o Concello criará un consello económico e social que impulsará un plano de desenvolvemento e industrialización para a cidade e a comarca

BNG e PSdeG-PSOE acordan tamén impulsar o Parque da Agra, criar un Servizo Municipal de Mediación, elaborar un plan de mellora da Casa de Acollida ás mulleres vítimas da violencia machista, potenciar o servizo de canguraxe, habilitar espazos públicos destinados á mocidade nos barrios e instituír a Semana e a Festa do Libro
Por iniciativa do BNG, o Concello criará un consello económico e social que impulsará un plano de desenvolvemento e industrialización para a cidade e a comarca
ROLDA
José Manuel Lage Tuñas, Francisco Jorquera e Avia Veira na rolda de prensa

A Coruña, a 2 de outubro de 2019. BNG e PSdeG-PSOE selaron sete compromisos como froito da reunión da comisión de seguimento do seu Pacto de Investidura, realizada este martes no Palacio de María Pita. Un deses sete acordos é a criación, ao longo de 2020, dun Consello Económico e Social que terá entre as súas primeiras tarefas a elaboración dun Plan de Industrialización para a cidade e a comarca.

A posta en marcha dese Consello Económico e Social foi proposta polo BNG e asumida polo PSdeG.

Os acordos alcanzados pola Comisión de Seguimento foron trasladados aos medios este mércores nunha comparecencia conxunta de Francisco Jorquera e José Manuel Lage Tuñas, portavoces dos grupos municipais do BNG e do PSdeG-PSOE, respectivamente.

“Estes acordos teñen un claro contido social, un claro contido verde e un claro contido violeta, porque parten dun inequívoco compromiso no combate contra a violencia machista. Son acordos que tamén promoverán a cultura galega na nosa cidade”, explicou ás xornalistas Francisco Jorquera.

Un claro contido violeta porque, e tamén a proposta do BNG, no seo da Comisión de Seguimento, nacionalistas e socialistas pactaron un plan de mellora da casa de acollida ás mulleres vítimas de violencia machista, co compromiso de ter xa unha tradución orzamentaria nas contas do concello para 2020.

Un claro contido verde porque, e tamén a proposta do Bloque, acordouse dar impulso á creación do Parque da Agra do Orzán, a abrir xa negociacións co Goberno do Estado para este ceder ou permutar os terreos do Observatorio con vistas a transformar a súa edificabilidade en zonas verdes. “Se non se negocia iso co Ministerio de Transición Enerxética, non teriamos un parque, teriamos un parque de xoguete”, dixo Jorquera aos medios.

Un claro contido social porque entre os sete acordos selados por BNG e PSdeG figuran tamén a posta en andamento en 2020 dun Servizo Municipal de Mediación para reducir a litixiosidade en asuntos que afecten a actuacións municipais, ben como a potenciación do servizo municipal de canguraxe e a elaboración dun plano cuatrienal 2020-2023 para habilitar espazos públicos destinados á mocidade nos distintos barrios da cidade.

E un claro contido de promoción da cultura galega ao se comprometeren ambas forzas, tamén a iniciativa do BNG, a criar a Semana e a Festa do Libro.

PLANO DE INDUSTRIALIZACIÓN

En todo caso, na súa comparecencia perante os medios, o portavoz nacionalista puxo o acento na criación do Consello Económico e Social.

“Esa é unha proposta que estaba no programa co que concorremos ás municipais e agora tórnase máis necesaria se cabe ante o proceso de desindustrialización que estamos a sufrir, quer na cidade quer no conxunto do país”, dixo Jorquera. E pormenorizou: “Eis temos a posíbel consumación do fechamento de Isowat –batalla que, porén, non podemos dar por perdida e vaia por diante a nosa solidariedade cos traballadores-, o futuro non resolvido de Alcoa pendente do Estatuto de Industrias Electrointensivas, a deslocalización das auxiliares de R ou o fechamento das térmicas de Meirama e As Pontes”. Sobre este último, precisou: “A Coruña lidera a rexión do Golfo Ártabro e ese fechamento tamén nos afecta”.

Neste contexto de perda de tecido produtivo, Jorquera entende que “o concello ten que liderar a aposta polo desenvolvemento económico e pola industrialización da cidade e da comarca”. E aí sitúa o rol estratéxico que pode vir a desempeñar a partir de 2020 o Consello Económico e Social. “A Coruña ten que ser unha potencia industrial. Non se pode permitir o luxo de se converter nun deserto industrial”, concluíu.

Texto dos acordos BNG-PSOE

Por iniciativa do BNG, o Concello criará un consello económico e social que impulsará un plano de desenvolvemento e industrialización para a cidade e a comarca