Servizos municipais

A Marea Atlántica denuncia que o goberno municipal lle impide consultar o expediente das bolsas comedor

Silvia Cameán: “Preguntámonos que leva ao goberno municipal a non respectar o dereito de acceso á información”

Rematado xa o prazo de alegacións, instamos a resolver canto antes unhas axudas que nunca acumularan tanto atraso

A Marea Atlántica denuncia que o goberno municipal lle impide consultar o expediente das bolsas comedor
Silvia3
Silvia Cameán
A Coruña, 29 de outubro de 2019.- O goberno do PSOE impídelle ao grupo municipal da Marea Atlántica o acceso ao expediente global das bolsas comedor, solicitado a pasada semana, mediante unha resolución negativa asinada pola propia alcaldesa. Ante esta falta de transparencia, presentaremos un recurso de reposición, por entender que esta denegación vulnera o dereito de acceso á información dos concelleiros e as concelleiras, un dereito fundamental recollido na Constitución Española e desenvolvido tanto na normativa de ámbito local como na vixente en materia de transparencia.

O argumento para a denegación é que o expediente está aberto nestes momentos, pero lembramos que, segundo confirman varias sentenzas xudiciais, non pode considerarse que isto implique necesariamente atraso ou entorpecemento na tramitación. “Preguntámonos que leva ao goberno municipal a non respectar o dereito de acceso á información”, sinala Silvia Cameán.

Rematado xa o prazo de alegacións o 25 de outubro, instamos ao goberno municipal a resolvelas canto antes e a pechar a tramitación desta convocatoria, para que as familias non teñan que agardar máis pola axuda. Estamos a piques de entrar no mes de novembro, ben avanzado o curso escolar. Nunca na historia recente do Concello se demorara tanto. Por iso pedimos na Comisión de Benestar Social que se resolveran as que estaban concedidas inicialmente, deixando as que estaban pendentes de alegación para unha segunda quenda, pero a solicitude non foi escoitada.

O goberno municipal denegounos o acceso ao expediente da convocatoria actual, pero non á do curso 2011/2012, cando o PSOE era responsable de Servizos Sociais. Daquela, segundo puido comprobar a concelleira esta mañá, as bases da convocatoria publicáronse o 10 de maio, e as listaxes definitivas saíron o 3 de outubro. No curso 2018/2019, gobernando a Marea Atlántica, as bases apareceron no BOP o 3 de marzo, máis de dous meses antes, e as listas definitivas o 21 de setembro. Neste curso, antes do traspaso de poderes, as bases saíron o 17 de abril, un mes antes que en 2011, e aínda estamos a agardar polas listas definitivas.

A Marea Atlántica denuncia que o goberno municipal lle impide consultar o expediente das bolsas comedor