Marea Atlántica | nota de prensa
O Pleno aproba inicialmente os Orzamentos 2022
Avanza a tramitación dunhas contas expansivas, sociais, verdes e municipalistas, que atenden aos barrios, con máis de 50 millóns de investimentos e un 12,3% máis en políticas sociais
A Coruña, 10 de marzo de 2022.- O Pleno do Concello da Coruña aprobou hoxe, de xeito inicial, o proxecto de Orzamentos para 2022, pactado pola Marea Atlántica e o goberno local e apoiados cos votos de ambos os dous grupos. Desde a Marea, facemos valer o noso peso decisivo na Corporación para impulsar a aprobación duns orzamentos expansivos, sociais, verdes, municipalistas e que atende aos barrios. Unhas contas pensadas para a realidade tras a pandemia, e centradas en tenderlle a man a quen o precisa.
Como sinalou a nosa voceira, María García, nun momento no que as consecuencias da crise sanitaria estanse a ver agravadas pola consecuencias da brutal invasión da Ucraína por parte de Rusia, “o que precisamos é unha administración forte, con políticas áxiles, e que se centre no que verdadeiramente importa: darlle amparo a quen o precisa”.
Con estes motivos, e en cumprimento do acordado, a Marea Atlántica volveu ser hoxe garante da estabilidade do Concello, e da posta en marcha de políticas para a maioría social. “Estes son os segundos orzamentos que se aproban neste mandato, e os segundos co apoio da Marea Atlántica. Se os terceiros non chegan, non será por nós”, sinalou María García.
A nosa voceira lembrou que “volvemos demostrar, con feitos, que sabemos poñer os intereses da cidade por enriba do partidismo. Non só poñemos o voto, puxemos medidas innovadoras e interlocución coa veciñanza e as entidades sociais. Agora, a responsabilidade correspóndelle ao goberno local. Cómpre executar estas contas e transformar as cifras en políticas e dereitos para a xente da Coruña”.
O PSdeG-PSOE e a Marea Atlántica somos forzas políticas diferentes, con modelos de cidade diferentes. Pero neste caso o diálogo deu froitos e serve para impulsar un orzamento post-covid, un orzamento municipalista que maximiza a capacidade transformadora dos concellos. Que chega aos 309 millóns de euros, con 57 millóns de investimento (o triplo que o ano anterior) e cun aumento do 12,3% en políticas sociais. Cómpre agradecer o traballo de todas as persoas que o fixeron posible.
Novas políticas para a veciñanza
Nestas contas inclúense nove millóns de euros para políticas de vivenda, tres millóns para o programa Mover os Baixos destinado a recuperar os locais baleiros, 3,1 millóns máis para políticas culturais, a posta en marcha do primeiro Plan Municipal de Saúde Mental e unha nova liña de axudas ás persoas que coidan de familiares con dependencia.
Tamén se impulsa a creación dunha empresa eléctrica municipal e de novas zonas verdes, coma o Parque Cidade no Martinete, nunha clara aposta pola loita contra o cambio climático e a transición enerxética. E faise posible a ampliacion da biblioteca da Sagrada Familia e a creación dunha nova biblioteca en Novo Mesoiro, entre outros proxectos.
Incorporan, tamén, fondos para grandes infraestruturas coma a Intermodal e as obras precisas nos mercados. “O que non teñen son cartos para mercar nos peiraos uns terreos que xa son públicos e xa están a ter uso público, pois eses 15 millóns estarán moito mellor empregados nos barrios. Non se pode consentir que o Estado só veña á Coruña a facer caixa mentres cede solo portuario de balde en Valencia, Tenerife, Pasaia…”
Coa aprobación inicial, segue adiante a tramitación deste proxecto orzamentario para 2022, que procura levar ao máximo as competencias do Concello ao servizo da cidadanía. Para garantir e desenvolver os acordos que fixeron posible estes presupostos, o goberno local poderá seguir contando coa Marea Atlántica.