Marea Atlántica | nota de prensa
O programa ‘Cidade Refuxio’ contará con 100.000 euros nos Orzamentos 2022
O proxecto de Orzamentos 2022 do Concello da Coruña, froito da negociación entre a Marea Atlántica e goberno local, reserva unha partida de 100.000 euros para reforzar a acollida de persoas refuxiadas, no marco do programa Cidade Refuxio. Ante a emerxencia humanitaria derivada da guerra na Ucraína, acordouse reforzar esta partida orzamentaria e tenderlle a man ás persoas que abandonan o país eslavo para protexer as súas vidas, así como ás vítimas doutros conflitos bélicos.
Con precedentes coma o ofrecemento de acollida ás refuxiadas da guerra de Siria en 2015, consideramos que o Concello da Coruña debe poñer os seus recursos ao servizo da acollida humanitaria. Tal e como se abordou a pasada semana coas entidades Cruz Vermella e Accem, coas que o goberno local se comprometeu a coordinarse.
Do mesmo xeito, o Orzamento 2022 renovará o convenio con Acampa pola Paz e o Dereito ao Refuxio, asociación que traballa para sensibilizar á poboación dos efectos das guerras e as migracións. Contará con 50.000 euros para desenvolver o seu labor, incluíndo o encontro anual polo dereito ao refuxio que organizan na Coruña.
Non á guerra e solidariedade co pobo ucraíno
A Marea Atlántica e o goberno local queren, ademais, amosar o seu rexeitamento á invasión rusa sobre a Ucraína, e trasladar toda a súa solidariedade ao pobo ucraíno, polo que está a sufrir con esta agresión.
En palabras do voceiro do goberno, José Manuel Lage “a Unión Europea debe tomar todas as medidas que sexan precisas para frear o ataque ruso e para axudar e auxiliar á poboación afectada e España, Galicia e A Coruña deben amosar, como sempre fixeron neste tipo de situacións, o seu compromiso e solidariedade coa poboación afectada”.
Para María García, voceira da Marea, “non se pode esquecer que o porto da Coruña foi escenario de incontables migracións das nosas veciñas e veciños, que marcharon na procura de medios de subsistencia ou fuxiron da represión franquista. Hoxe son outras as persoas que precisan refuxio, e ofrecerllo é una obriga ética, sexa cal sexa a súa nacionalidade, lingua, crenzas ou cor de pel”.