BNG | nota de prensa
O pleno aproba por unanimidade a moción conxunta sobre Os Mallos que naceu do impulso do BNG
Esa é a filosofía que inspira a moción conxunta sobre a situación que está a vivir o barrio dos Mallos que foi aprobada esta mañá polo Pleno do Concello, unha iniciativa nada do impulso do BNG e que foi asumida polo resto de grupos municipais após as xestións feitas polo portavoz nacionalista, Francisco Jorquera.
“Ante a situación e o clima social que se vive nos Mallos e Sagrada Familia, o BNG propuxo que todos os grupos da Corporación traballásemos para facer posíbel a aprobación dunha moción conxunta neste Pleno”, relatou na súa intervención o voceiro do BNG. “Estabamos convencidos de que sería un paso que a veciñanza agradecería. Por iso alédome de que todos os grupos así o entendésemos e o acordo fose posíbel”, engadiu.
Jorquera botou man da súa experiencia persoal –“vivo nun barrio, O Castrillón, que, como outros barrios da cidade, ten os seus problemas e conflitos”- para mostrar empatía coa situación que se está a vivir nos Mallos: “Como a calquera veciño, non me gustaría saír á rúa co temor a ser atracado. Como tampouco gostaría de que no piso ao meu carón se traficase con drogas”.
O voceiro do BNG constata, pois, que hai un problema de inseguridade na zona e “por iso, a moción avoga por accións inmediatas neste ámbito, desenvolvendo un plan de prevención e persecución da delincuencia”.
Mais a inseguridade ten outras caras, argumentou Jorquera. “Séntese insegura unha persoa maior, con problemas de mobilidade, que vive confinada no seu piso porque non ten ascensor”, exemplificou. Ou séntense inseguras as persoas mozas “que non poden emanciparse porque non poden pagar unha vivenda, aínda que vivan nun barrio con moitas vivendas baleiras”. E séntense inseguras aínda as persoas “en risco de pobreza ou de exclusión social”.
De aí que a moción propoña un conxunto de medidas desde unha óptica pluri-disciplinar. “Os problemas dos Mallos son múltiples e complexos, comúns a moitos barrios da nosa cidade, e só son abordábeis dende unha perspectiva integral”, sostivo Jorquera. Ese enfoque do asunto tradúcese en que a moción incorpore medidas en materia urbanística, de vivenda, de políticas sociais, de dinamización socio-cultural, de revitalización comercial.
“A Coruña é unha cidade de barrios. E as grandes actuacións, os grandes investimentos, non se poden concentrar só no centro. É necesario atender os barrios e estar máis a pé de barrio”, concluíu.