BNG | nota de prensa
O pleno de decembro aproba por unanimidade as tres mocións do BNG
Apoio da Corporación a que o Goberno Local logre a cesión da Casa coruñesa de Rosalía para a súa rehabilitación e posterior apertura ao público
A Coruña, a 2 de decembro de 2021. A Casa coruñesa de Rosalía ten que se rehabilitar e abrir ao público. Os valores, a humanidade e a fraternidade, que representan Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye teñen de se espallar polos institutos da cidade. E o Concello debe impulsar un Plano de Igualdade que acabe coa discriminación que sofren os clubs femininos.
Nestes termos pronunciouse o Pleno do Concello ao aprobar este 2D, e por unanimidade, as tres mocións defendidas polo noso voceiro, Francisco Jorquera.
Que os mozos senegaleses Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye, as únicas persoas que auxiliaron Samuel Luiz e que intentaron evitar o seu asasinato, participen nun programa educativo de valores cívicos promovido desde o Concello é unha iniciativa da ONG EcoDesarrollo Gaia que levaron ao Pleno, en forma de moción conxunta, BNG e a Marea Atlántica.
“Fronte á violencia extrema e gratuíta dos asasinos de Samuel Luiz, temos a lección de humanidade e comportamento cívico que nos deron Ibrahima e Magatte”, remarcou Jorquera na súa intervención.
Socorreron Samuel Luiz e fixérono pondo mesmo en risco as súas propias vidas, “pois as testemuñas coinciden en que mantiveron esa actitude malia as agresións e graves ameazas por parte dos atacantes”, subliñou o noso voceiro.
A iniciativa persegue que desde o Concello se impulse a realización dunha serie de actividades en institutos e entidades sociais da cidade “a modo de programa educativo que acompañe a declaración de fillos adoptivos de Ibrahima e Magatte”.
Esa declaración -que naceu do impulso do BNG e que foi aprobada polo Pleno de setembro– aínda está pendente de se concretar, polo que esta moción instaba tamén a alcaldesa a pór en marcha o procedemento preciso para a súa materialización.
150 anos de Rosalía na cidade
A dignificación da Casa coruñesa de Rosalía –propiedade neste momento de Abanca, que ten a morada en estado de abandono- recibiu o apoio tamén unánime da Corporación. Dignificala significa rehabilitala e abrila ao público. E que mellor que comezar a facelo cando se fan 150 anos da chegada da grande poeta nacional á nosa cidade e 50 de apertura ao público da Casa Museo de Rosalía en Padrón.
De 1871 a 1874 Rosalía foi veciña nosa, no inmóbel da rúa do Príncipe. O Goberno Local tócalle agora abrir conversas con Abanca para lograr a cesión da morada.
A Coruña deixou unha fonda pegada na obra rosaliana, desde o portentoso poema que dedicou ao xeneral inglés John Moore até a peza Pra a Hábana, emocionante retrato da partida desde o porto da Coruña de vapores ateigados de galegos que, expulsados do país, se vían obrigados a viviren o drama da emigración.
A iniciativa perseguía tamén a dignificación da sepultura do home de Rosalía, Manuel Murguía, sita no Cemiterio de Santo Amaro, a comezar pola súa rotulación en galego.
Plan de Igualdade do deporte feminino
Non, non existe igualdade nin formal nin material do deporte feminino co masculino na nosa cidade. E esa evidencia virouna nunha iniciativa o noso voceiro no Pleno de decembro.
Unha iniciativa con varios puntos: que o Goberno Local atenda a proposta do grupo de traballo Muller e Deporte do Consello Municipal de Deporte e aprobe un Plan de Igualdade neste ámbito, que se garanta o acceso igual das equipas masculinas e femininas ás instalacións municipais e que a non discriminación fique garantida nos convenios que o Concello estabeleza coas entidades deportivas.
É o deporte feminino o máis prexudicado polo déficit de instalacións que arrastra a nosa cidade, como denunciaron no seu día o Balonmán Brigantium e o Emden Fútbol Sala, resaltou Jorquera, quen a seguir relatou a situación que vive a equipa feminina do Liceo de hóckey.
A equipa feminina viaxa en furgoneta, a masculina en avión. A diferenza dos homes, as xogadoras téñense que duchar na casa após os adestramentos ou carecen dun servizo de lavandaría, denunciou o noso voceiro.
Valoramos, acrecentou, o grande traballo que desenvolve o Liceo, emblema deportivo da nosa cidade, porén, cómpre garantir o principio de igualdade e máis se temos en conta que a entidade recibe 95 mil euros do Concello en virtude do convenio asinado no seu día, concluíu.