BNG | nota de prensa
Moción conxunta de BNG e Marea Atlántica para o Concello pór en marcha un programa educativo pola diversidade e a non violencia
Puxeron en risco a súa integridade física para prestar auxilio a Samuel Luiz e fixérono impelidos pola súa educación, polos seus valores morais, pola repulsa que lles produce a violencia irracional e a violación dos dereitos humanos.
Son Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye e o Pleno do pasado mes de setembro aprobou por unanimidade, nunha iniciativa que naceu do impulso do BNG, iniciar o procedemento para que sexan declarados como fillos adoptivos da cidade da Coruña.
Ese procedemento aínda non se puxo en marcha, razón pola que os grupos municipais de BNG e Marea Atlántica rexistraron unha moción para a súa defensa no Pleno do vindeiro xoves 2 de decembro.
A moción ten dous puntos. O primeiro, instar a alcaldesa, que é a quen lle cabe facelo, a que dea inicio formal ao procedemento para lle outorgar a Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye o título de Fillos Adoptivos da cidade.
O segundo ten como orixe unha proposta da ONG EcoDesarrollo Gaia e consistiría en urxir o Goberno Local a que poña en marcha un programa educativo pola diversidade e a non violencia nos institutos e entidades sociais da cidade, contando coa colaboración de Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye.
Os valores de fraternidade e humanidade, de defensa da diversidade e de repulsa da violencia, mostrados por Diack e Ndiaye ao tentaren salvar a vida de Samuel Luiz son cada día máis necesarios, polo que esta iniciativa pretende animar a reflexión colectiva sobre un acontecemento terríbel que conmocionou A Coruña.
Nese sentido, a palabra e o exemplo de Ibrahima Diack e Magatte Ndidaye teñen moito que achegar nun programa educativo dirixido a desterrar a violencia da nosa sociedade.