Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica e o BNG reclaman conxuntamente no Pleno un programa de educación pola diversidade e a non violencia
A iniciativa, impulsada pola ONG EcoDesarrollo Gaia, pídelle tamén ao goberno local que acelere os trámites para nomear Fillos Adoptivos da Coruña ás dúas persoas que plantaron cara aos asasinos de Samuel Luiz
A Marea Atlántica e o Bloque Nacionalista Galego levarán ao vindeiro Pleno municipal unha moción conxunta para pedir que se poña en marcha o procedemento para outorgarlle a Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye o título de Fillos Adoptivos da Coruña, polo seu valente papel na noite do 3 de xullo de 2021, cando lle plantaron cara aos asasinos de Samuel Luiz Múñiz, intentando auxilialo e defendelo ata o último momento. O nomeamento foi apoiado por unanimidade no Pleno de setembro, pero o goberno local non deu pasos para que se faga realidade.
Na iniciativa, impulsada pola ONG EcoDesarrollo Gaia, reclámase tamén que o goberno local vaia máis aló dos xestos e poña en marcha un programa educativo en institutos e entidades sociais, polo respecto á diversidade e a non violencia, contando coa colaboración con Ibrahima Diack e Magatte Ndiaye no proceso. Foron dúas persoas que puxeron en risco as súas vidas, pese a que tiñan moito que perder ao ser inmigrantes en situación irregular. Son exemplo dunha Coruña diversa e acolledora, que desde as institucións debemos poñer en valor.
Cinco meses desde o asasinato de Samuel
No texto da moción conxunta lémbrase que tras o crime LGBTBfóbico de Samuel “a veciñanza da Coruña dixo alto e claro que os comportamentos que concorreron nese acto de brutalidade non nos representan. A Coruña sempre tivo vocación de ser unha cidade pacífica, aberta e inclusiva, respectuosa coa diversidade en todas as súas manifestacións. E así debe seguir sendo”.
Pero nos cinco meses que transcorreron desde este brutal asasinato, o goberno local da Coruña non impulsou ningunha nova política pública, nin no ámbito das diversidades nin no da educación e a non violencia. Son necesarias iniciativas que contribúan a non esquecer o crime que acabou coa vida de Samuel precisamente para que nunca volva suceder nada parecido. A raíz disto, ten todo o sentido a proposta de EcoDesarrollo Gaia para actuar desde o plano formativo.
Como sinala esta moción conxunta, “cando lles preguntan a Ibrahima e Magatte por que non dubidaron nin un segundo en axudar a Samuel, a súa resposta é nítida e precisa: «Pola nosa educación». Unha educación que debería ser universal e espallarse”.