Urbanismo

Risco de creba na unidade fronte ás privatizacións

A convocatoria dun acto este domingo por parte da Marea Atlántica crea división na Comisión que defende a devolución dos terreos da fachada marítima á cidade da Coruña.

Risco de creba na unidade fronte ás privatizacións
Ricardo Vales é portavoz da Comisión de Defensa do Común
Ricardo Vales é portavoz da Comisión de Defensa do Común.

A menos de dúas semanas para que a Comisión Aberta de Defensa do Común mida as súas forzas nunha manifestación que pretende dobrar na rúa o pulso do Estado coa cidade, a unidade de acción da plataforma corre o risco de romper.

“Nós o que queremos é impulsar a manifestación do día 7”, explicou onte pola tarde Álex Sánchez, representante de Marea Atlántica, que o martes ofrecera unha rolda de prensa xunto a Mercedes Bolaño para anunciar o acto deste domingo: “un roteiro polos lugares do porto co alcalde e os responsables de urbanismo e medio ambiente para ir sumando cara o medio e o longo prazo”.

Mercedes e Álex sentan nun banco a carón da Autoridade Portuaria, nun xardín escenario o fin de semana pasado dunha acampada simbólica convocada pola Comisión Aberta e na que estaba previsto un roteiro guiado polo arquitecto Xosé Lois Martínez. “Nós o que pretendemos é facer un máis amplo. O do sábado, que non sei certo si se fixo, era unha cousa máis técnica, o noso vai ser máis político, explicando as potencialidades da liña marítima cara o futuro”, conta Sánchez.

"Levamos tres semanas cun traballo moi intenso, co reparto da Agulla de Marear, o noso boletín, convidando á cidadanía a apoiar a manifestación, tamén en redes, e coma non había ningún acto programado para esta fin de semana, pensamos que estaría ben facer este”, sinala Bolaño.

CIG e BNG manifestan o seu malestar

Pero a iniciativa da Marea Atlántica contrariou á CIG e o BNG, que por esa orde, emitiron comunicados cualificando como “contraprogramación” o acto do alcalde e os concelleiros do domingo.

“Amosamos a nosa sorpresa e o profundo malestar que nos produce ver como, por primeira vez na longa historia de participación da nosa central sindical en plataformas de ámbito local e comarcal unha das organizacións que conforma esa plataforma decide fixar unha axenda paralela non aprobada no seo da plataforma. Entendemos que este feito supón, na práctica, romper a unidade de acción da plataforma”, sinala a CIG no seu texto, e pide unha reunión urxente da Comisión Aberta. Desde o BNG, a nota sinala que “a actividade programada como marcha reivindicativa para esta fin de semana (…) crea confusión e desconcerto, atenuando o traballo que estamos realizando todas as entidades, asociacións, partidos e colectivos”.

O portavoz da Comisión Aberta, Ricardo Vales, di que trasladou a proposta da CIG á Comisión, da que fan parte setenta entidades en total, e que espera resposta. Quere ser prudente e intenta convencerse de que as cousas se resolverán de aquí ao domingo. “Esa convocatoria é prexudicial para os fins da Comisión”, di. “Hai xente da Marea Atlántica traballando na plataforma e comparten os obxectivos, que pasan pola devolución gratuíta de todos os terreos, tal e como se acordou na loita que se iniciou hai un ano polos solares do campo da Estrada e da Maestranza, alí empezou isto”.

Os portavoces de Marea Atlántica

Contradicións

“Nós persoalmente non facemos parte da plataforma, pero temos compañeiros que si están. E como Marea Atlántica somos leais co colectivo da Comisión Aberta”, explica Álex Sánchez. “O que pasa na miña opinión é que se está poñendo o foco na Solana e na devolución gratuíta cando o relato debe ser outro. Hai que ampliar o foco e puxar porque se garanta a titularidade pública. Iso é o importante, que non se privatice”.

“Ou se está ou non se está de acordo cos obxectivos”, responde Ricardo Vales. O portavoz da Comisión Aberta advirte que “a Marea Atlántica debe resolver as súas contradicións. O goberno empezou dicindo que pagaría 1,4 millóns pola Solana cando toda a xustificación de Portos é que precisa cartos para pagar o porto exterior. Pero si é unha obra de Fomento! Resulta que Fomento vai rescatar as autoestradas en Madrid con miles de millóns e aquí non pode desembolsar 300 millóns para o porto”.

Onte o resto de entidades permanecían á expectativa. Haxa ou non esa reunión que pide a CIG, quedan dúas datas claves antes da manifestación do día 7. O martes día 2 hai xuntanza ordinaria da Comisión Aberta. Ao día seguinte, está prevista unha reunión do Concello, co concelleiro de Rexeneración Urbana á cabeza, cos representantes da Autoridade Portuaria.

No que coinciden os representantes da Marea Atlántica e Ricardo Vales é na necesidade de que a manifestación do día 7 sexa masiva e supoña unha demostración de forza fronte ao Goberno español. A Coruña non se vende, niso hai acordo.

A Comisión Aberta espera recibir hoxe o respaldo do Concello de Oleiros. Haberá pleno e o alcalde quere apoiar con cartos a mobilización do primeiro domingo de maio na Coruña. Xa dixo que poría ao servizo da plataforma a rede de paneis informativos municipais e a radio.


 

Risco de creba na unidade fronte ás privatizacións