campamentos urbanos para o verán

3.200 prazas para os campamentos municipais

Os campamentos urbanos, con 3.277 vacantes, celébranse en horario de mañá e están destinados a nenos e nenas de entre 4 e 12 anos

3.200 prazas para os campamentos municipais
Campamentos urbanos
Campamentos urbanos

A Coruña, 20 de abril de 2019.- A Concellería de Xustiza Social e Coidados abre o 4 de maio o prazo de preinscrición para as tres modalidades de campamentos que organiza o departamento para nenos e nenas da cidade de cara ao verán e nos que haberá dispoñibles 3.277 prazas. A maior parte delas, un total de 2.681, correspóndense cos campamentos urbanos que terán lugar nos centros cívicos municipais dende finais de xuño ata comezos de setembro, mentres que as restantes prazas se reparten entre os campamentos de día, con 416, e os tradicionais, que dispoñen de 180 postos. A preinscrición estará aberta os días 4, 5 e 7 de maio, de 11.00 a 13.30 e de 17.00 a 20.00 horas, e se pode realizar no centro cívico de Monelos para as modalidades de día e tradicional e no centro cívico no que se queira realizar o campamento no caso dos urbanos.

O sorteo das prazas realizarase o día 7 de maio ás 20.15 horas no centro no que se realizara a inscrición. As listaxes de admisión e reserva poderán consultarse o día 30 nos propios centros cívicos, a través do teléfono 010 ou na páxina web www.coruna.gal/servizossociais

Nos campamentos urbanos, que están dirixidos a nenos e a nenas de entre 4 e 12 anos, prográmanse actividades lúdicas, de animación, deportivas ou artísticas, entre outras propostas, así como unha hora diaria á practica da lingua inglesa. Esta tipoloxía de campamento ofrece tamén unha excursión en cada quenda, agás para as que se celebren en xuño e setembro. As prazas, nas que o Concello dispón dun 20% de reserva para persoas menores derivadas pola Concellería de Xustiza Social e 56 para nenos e nenas con necesidades especiais, distribúense en seis quendas. A primeira celebrarase entre o 25 e o 28 de xuño, a segunda entre 1 e o 12 de xullo, mentres que a terceira será do 15 ao 31 de xullo. En agosto continuará a cuarta quenda, que terá lugar do 1 ao 16, e a quinta, do 19 ao 31. En setembro está programada unha sexta quenda, do día 2 ao 6 deste mes. Non haberá campamento durante as fines de semanas e os días festivos.

Estes campamentos desenvolveranse en horario de mañá, entre as 10.00 e as 14.00 horas, e, como é habitual, haberá a posibilidade de solicitar o horario ampliado, que abrangue desde as 09.00 e até as 14.30 horas. Os centros cívicos que ofertan todas as quedas e horario ampliado son os do Castrillón, Cidade Vella, Eirís, Elviña, Labañou, Os Mallos, Mesoiro, Monelos, Monte Alto, Novoandanza, Palavea, Os Rosales e San Diego. Ademais, os centros cívicos de Artesáns, Feáns, Pescadores, Sagrada Familia, Santa Lucía, Santa Margarita, San Pedro de Visma e A Silva acollerán campamentos urbanos na segunda e na terceira quenda e só con horario xeral. As taxas de participación serán de 15 euros en horario xeral e 20 euros en ampliado para as quendas 1 e 6 e de 26 euros en horario xeral e 32 euros para ampliado nas quendas número 2, 3, 4 e 5.

A oferta de campamentos da Concellería de Xustiza Social inclúe tamén a modalidade de día, na que poden participar os nenos e as nenas que teñan cumpridos entre 4 e 12 ano no momento da inscrición. Neles realizaranse actividades deportivas e culturais que fomenten o coidado e o respecto polo medio ambiente e o bo uso dos espazos urbanos e adicarase unha hora diaria á práctica da lingua inglesa. Este campamento inclúe tamén tres comidas (media mañá, xantar e merenda), xa que se realizará en horario de 10.00 a 18.15 horas. Terá lugar no colexio Calasanz e disporá dun servizo de autobús con diferentes rutas. O campamento, que non se celebrará en sábados, domingos e festivos, terá catro quendas. A primeira celebrarase do 1 ao 12 de xullo e a segunda do 15 ao 31 deste mesmo mes. En agosto haberá unha terceira quenda do día 1 ao 16 e unha cuarta do 19 ao 30. En cada unha delas haberá dúas saídas ou excursións dentro do horario do campamento.

Unha vez rematados os prazos de preinscrición, sorteo e publicación das listas de persoas admitidas abrirase o período para formalizar a inscrición, que se fará nos días 6, 7 e 8 de xuño no centro cívico de Monelos. Neste momento será preciso abonar o prezo do campamento, que ascende a 85 euros, e achegar unha fotocopia da tarxeta sanitaria e unha fotografía tamaño carné. Antes de iniciarse as quendas, organizaranse reunións informativas cos pais, nais e persoas titoras legais dos e das menores.

Pola súa banda, os campamentos tradicionais terán lugar no albergue de A VilaVella, no concello da Mezquita en Ourense. Esta modalidade está destinada a rapaces e rapazas que teñan entre 8 e 16 anos no momento da inscrición, que realizarán actividades de multiaventura adaptadas ás súas idades e valores relacionados coa cultura do deporte e o respecto á natureza. A Concellería de Xustiza Social e Coidados oferta un total de 180 prazas, 45 por cada queda, das que se reservan 12 para persoas beneficiarias de programas sociais e catro para persoas con necesidades especiais.

O campamento terá catro quendas, dúas delas para nenos e nenas entre 8 e 11 anos --que terán lugar do 7 ao 13 de xullo e do 4 ao 10 de agosto-- e dúas para os rapaces e rapazas que teñan entre 12 e 16 anos --que serán do 14 ao 20 de xullo e do 11 ao 17 de agosto--. O prezo do campamento é de 85 euros, que se debe abonar no momento da inscrición entre os días 6, 7 e 8 de xuño. Tamén será preciso aportar unha fotocopia da tarxeta sanitaria e as correspondentes autorizacións. Así mesmo, está previsto celebrar reunións informativas que se comunicarán no momento da inscrición.

3.200 prazas para os campamentos municipais