Nota de prensa | BNG A Coruña

No 87º aniversario da súa proclamación o BNG chama a celebrar a declaración da República galega

O Bloque denuncia a intención de agochar deliberadamente os acontecementos entre o 25 e o 28 de xuño de 1931 e alenta a dignificar e conmemorar unhas datas que deberían recollerse nos libros de historia e nas celebracións oficiais das distintas administracións publicas galegas
A formación nacionalista anima a pendurar a bandeira galega nas fiestras das casas para lembrar estas datas

 

No 87º aniversario da súa proclamación o BNG chama a celebrar a declaración da República galega
República Galega
República Galega (imagen de estacionatlantica.blogspot.com)

O BNG ven lembrar a celebración do 87º aniversario da proclamación da República de Galiza, xa que logo, estanse a cumprir nestes días o aniversario dos acontecementos que en 1931 deron lugar á constitución da Xunta Revolucionaria.

Deste xeito, a organización nacionalista convida a recuperar e rememorar estes feitos, nunha época da nosa historia na que a dignificación, a posta en valor de valores democráticos e a rebeldía republicana se impoñían despois da caída da ditadura de Primo de Ribera e que no Estado español supuxo a propia proclamación da súa II República.

Neste sentido, o Bloque denuncia a intención de agochar deliberadamente os acontecementos entre o 25 e o 28 de xuño de 1931 e alenta a dignificar e conmemorar unhas datas que deberían recollerse nos libros de historia e nas celebracións oficiais das distintas administracións publicas galegas.

“A toma do Concello e do Goberno Civil de Ourense polas clases populares e pequena burguesía, inzándose en ambos casos a bandeira galega, así como o nomeamento, en Compostela, de Alonso Ríos como Presidente desta República, as revoltas en multitude de concellos e, ademais, de se redactar uns puntos fundacionais e de esixir a dimisión de todos os cargos electos en deputacións e nos cargos que se ostentasen en administracións do Estado, son os feitos máis destacados dos acontecidos na contorna destas datas de xuño de 1931, algo que todas e todos os galegos deberiamos coñecer, xa que logo están agochados intencionadamente na nosa historia co obxecto de negarnos constantemente ao nosa condición de nación”, sinalan desde a formación nacionalista.

Por último, o BNG alenta á veciñanza a Coruña a celebrar estes días e a pendurar das fiestras das súas casas a bandeira galega en lembranza destas tan significativas datas, como acto simbólico de lembranza e de empoderamento da nosa historia e de recuperación da Memoria Histórica.

No 87º aniversario da súa proclamación o BNG chama a celebrar a declaración da República galega