COGAMI | nota de prensa

Anxo Queiruga: "Entristéceme que a día de hoxe sigamos falando de accesibilidade"

COGAMI fala sobre accesibilidade no mes de setembro na campaña lanzada este ano para visibilizar as necesidades que presentan as persoas con discapacidade e familias como ter unha sociedade deseñada para todas as persoas.
Anxo Queiruga: "Entristéceme que a día de hoxe sigamos falando de accesibilidade"
Persoa usuaria de transporte adaptado
Persoa usuaria de transporte adaptado

No que vai de ano, chegaron ao servizo de Información de COGAMI 98 consultas, 9 denuncias e relacionáronse 32 intervencións relacionadas coa accesibilidade.

Unha sociedade con barreiras impide que as persoas con discapacidade teñan unha forma de vida independente, autónoma e activa na sociedade. Falar de accesibilidade universal é falar da condición que deben cumprir as contornas, procesos, bens, produtos, servizos, ferramentas e dispositivos para ser comprensibles, utilizables e practicables por todas as persoas en condicións de seguridade e comodidade, do xeito máis autónomo e natural posible. Falar de accesibilidade universal, presupón a estratexia de deseño para todas as persoas. Se non hai acceso a edificios, ao transporte, á información e comunicacións, aos servizos e instalacións de uso público, ao patrimonio cultural, a todos os ámbitos da participación da vida pública e servizos existentes, as persoas con discapacidade non teñen as mesmas oportunidades para participar plenamente na sociedade. Polo tanto, pode constituír unha violación dos seus dereitos porque sofren unha discriminación. "Entristéceme que a día de hoxe sigamos falando de accesibilidade", apunta o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga, quen engade "preocúpannos as barreiras arquitectónicas pero tamén as mentais, porque estas limitan aínda máis ás persoas con discapacidade. Hai uns estereotipos asentados que indican que a persoa con discapacidade é homoxénea e non se corresponde coa realidade".

A día de hoxe, unha das máis incumpridas é a normativa que regula as condicións de accesibilidade que se deben cumprir para garantir o dereito a vivir de xeito independente. A isto súmaselle a demora de máis de 5 anos do regulamento da Lei 10/2014 de 3 de decembro de accesibilidade de Galicia, o que provoca que queden sen efectividade moitas das referencias legais da Lei. Polo tanto, dende COGAMI agárdase que a finais deste ano saia adiante a aprobación deste novo decreto de accesibilidade de Galicia.

Outra barreira importante é a diferencia na cantidade de servizos que ofrecen as zonas rurais con respecto ás urbanas. Galicia é unha comunidade con máis núcleos de poboación na zona rural, onde se fai necesario dotala de servizo de transporte adaptado para cubrir desprazamentos básicos das persoas con mobilidade reducida como asistencia a unha cita médica, a unha xestión administrativa ou mesmo a unha superficie de alimentación.

Son moitas as persoas que seguen pechadas nas súas casas, condenadas a non poder saír á rúa porque teñen que superar unhas escaleiras e carecen da posibilidade de dotar o inmoble cun ascensor, como a falta de recursos económicos, a falta de consenso na comunidade veciñal ou falta de espazo para poder habilitalo. Dende os movementos asociativos exiximos cambios efectivos na normativa a nivel estatal que promova e favoreza a realización de obras e actuacións de accesibilidade naquelas edificacións suxeitas á propiedade horizontal, especialmente nas zonas comúns por seren as que maior conflitividade xeran. Con respecto á usabilidade das vivendas, Anxo Queiruga apunta que "cómpre ampliar as axudas e subvencións que promovan a mellora e adaptación da accesibilidade no parque de vivendas existente, priorizando aquelas solicitudes realizadas por persoas con discapacidade ou comunidades nas que residen persoas con discapacidade".

Outra demanda de COGAMI é a necesidade de impulsar a promoción de vivendas de protección oficial accesibles, asegurando que as persoas con discapacidade teñan a oportunidade de elixir o seu lugar de residencia.

Consultas remitidas a COGAMI

O Servizo de Información de COGAMI recibe anualmente consultas, sendo a accesibilidade unha das temáticas que máis se repite, como as 98 remitidas durante este ano, algunhas solicitando información sobre a instalación dun ascensor, salva escaleiras ou automatismos para a apertura de portas con mecanismos motorizados e sobre axudas públicas existentes. COGAMI conta cunha área de Accesibilidade gratuíta para persoas con discapacidade e familias, no que persoal técnico se despraza ata a vivenda particular para realizar un informe técnico sobre as posibles melloras que se poden adoptar. Durante este ano, esta área realizou 32 intervencións, é dicir, consultas que implican desprazarse ata o lugar para analizar a zona e realizar un informe. Outras consultas recibidas solicitaban información de obras en vivendas de aluguer. COGAMI lembra ás persoas arrendatarias que teñen dereito, sempre que previamente o notifiquen por escrito á persoa arrendadora, á realización de actuacións necesarias no interior da vivenda acordes á discapacidade ou idade da persoa arrendadora ou coa que convive, coa previsión de repoñer a vivenda ao estado anterior se así o esixe a arrendataria. A este servizo tamén chegaron queixas como as 9 denuncias efectuadas durante este ano, algunhas tralos comicios municipais e estatais por falta de accesibilidade en colexios electorais; outras sobre o funcionamento del transporte ferroviario y de autobús urbano e interurbano; pola escaseza de taxis adaptados nas cidades; falta de prazas reservadas no transporte marítimo; pola falta de parques infantís con xogos para menores con mobilidade reducida y tamén para denunciar a falta de espazos e prazas para asistir a espectáculos culturais.

CAMPAÑA #SOMOSCOGAMI

Dende COGAMI queremos visibilizar durante todo este ano 2023 unha campaña de sensibilización sobre as necesidades que presentan as persoas con discapacidade e familias. É unha chamada á acción para amosar a realidade que viven milleiros de persoas actualmente. No mes de setembro reivindicamos a accesibilidade universal porque contribúe á construción dunha sociedade deseñada para todas as persoas e, polo tanto, máis inclusiva, coas mesmas oportunidades para a plena participación social. Acompañamos a nota cunha peza audiovisual que se pode ver neste aquí.

O resto dos meses, recollerán estas outras reivindicacións: Outubro. SOMOS UNIÓN: Traballamos en rede co movemento asociativo. Novembro. SOMOS VOLUNTARIADO: Animamos á colaboración social. Decembro. SOMOS REIVINDICACIÓN: Contribuímos á participación social en igualdade.

Anxo Queiruga: "Entristéceme que a día de hoxe sigamos falando de accesibilidade"