Percebeiras

Asociación Veciñal Francisco Rodríguez Otero: "Por un Labañou que siga aberto ao mar "

Posicionamento público da Asociación Veciñal Francisco Rodríguez Otero

Asociación Veciñal Francisco Rodríguez Otero: "Por un Labañou que siga aberto ao mar "
Collage Slogan
Collage Slogan

Antecedentes e situación actual

As Percebeiras é o nome dun proxecto urbanístico agresivo e innecesario. As Percebeiras é o campo de Labañou. As leiras onde se quere agora edificar son moito máis ca un solar edificable. Son anacos de natureza aberta ao mar en Labañou, un espazo interxeracional, un lugar de encontro e convivencia da veciñanza, o sitio onde se celebra o San Xoán, onde de nenos e nenas fomos tantas veces buscar bichos, coller fiuncho para cocer as castañas, ou facer ramos de flores silvestres. Un lugar cheo de lembranzas e vivenzas veciñais.

Dende hai case 20 anos tratan de especular con esta zona verde. Pretenden erguer moles de cemento de moita máis altura que os edificios do lugar, vivendas que ninguén demanda, o que pecharía as portas do barrio e a súa saída directa ao mar. Houbo diferentes PXOMs municipiais que permitían unha maior ou menor edificabilidade, dos 30.000 metros cadrados plantexados no ano 1985 aos 60.000 como máximo que contempla o actual PXOM, pero ningún deses plantexamentos contou nunca nin pretendeu escoitar á veciñanza afectada. 

A pandemia e a importancia dos espazos comúns

A actual pandemia do Covid fíxonos ser máis conscientes da importancia dos espazos comúns, das actividades ao aire libre, da necesidade de respirar. E cando saímos das nosas casas despois do confinamento, sorprendidos dos trinos dos paxaros na cidade, todos puidemos ver como de cheo estaba o paseo marítimo na zona das percebeiras e en todos os espazos abertos e con algo de natureza en xeral. Por ese motivo, moita xente comezamos revalorar eses espazos aínda máis e moitos expertos alertaron sobre a necesidade de repensar a cidade e priorizar os espazos de lecer fóra das nosas casas. 

Esa parcela representa a oportunidade perfecta para mellorar a calidade de vida de todo un barrio e da cidade. A oportunidade de manter e repensar un lugar de encontro da veciñanza que o habita, e o inicio de novas prácticas de urbanismo máis modernas e concordes cos tempos e necesidades que vivimos.

A importancia da paisaxe e da súa protección

Dende a asociación veciñal apostamos pola dignificación do noso barrio mantendo os espazos abertos e con vida que xa existen, e fomentando as zonas comúns. Rexeitamos este aproveitamento urbanístico, xa que o entendemos obsoleto e máis propio do pasado, non está pensado desde un urbanismo actual nin ten en conta o respecto á paisaxe e aos usos actuais dos espazos comúns. Efectivamente, esta parcela é das poucas zonas abertas ao mar que se atopa entre a Torre de Hercules e o Monte de San Pedro. Porque erguer un mamotreto neste lugar?  Queremos pensar a cidade doutra maneira, A Coruña non pode perder tamén esta oportunidade e voltar a un urbanismo do que nos arrepentiremos nun futuro. Coas Percebeiras pódese revalorar a cidade, creado un novo espazo para o disfrute da cidadanía e mantendo a súa esencia e historia.

O “problema” da vivenda na Coruña ten outras solucións mellores.

Na Coruña temos un problema cos prezos dos alugueiros, que son moi elevados, pero ao mesmo tempo hai estudos que falan de 20.000 vivendas baleiras na cidade. Por exemplo, o barrio da Pescadería é case un deserto, e existen estudos demográficos que din que a cidade vai medrar, pero a realidade é que leva estancada 30 anos. E non vai medrar por construir máis ou menos ¿Onde estan os plans de rehabilitación,e a responsabilidade sobre os edificios sen rematar ou os solares baleiros?

 Ademais hai zonas que, como o barrio de Xuxán, necesitan consolidarse con máis habitantes e servizos para ser lugares cheos de vida, e que con estes aproveitamentos tardarase máis en conseguir. Temos algunha zona cercana a Labañou cunha das maiores densidades de poboación de Europa, e o que se precisa non é mais “ladrillo” de luxo, precísanse zonas abertas, parques, boas infraestructuras e servizos onde promover a vida de barrio e recuperar vivendas baleiras que hoxe están en desuso.

Que propoñemos?

Por todos estes motivos, propoñémoslle ao governo municipal e a toda a corporación municipal que estuden todas as posibilidades, que sabemos que as hai, para variar o rumbo deste proxecto.

En aras da protección do lugar e do entorno o que queremos é a modificacion puntual  do PXOM e a apertura dunha reflexión colectiva sobre as necesidades da veciñanza e cidadania. 

Pedímoslle ao Concello que pule por dignificar e manter este espazo común, en pro dunha convivenza máis acorde cos tempos actuais, en pro da saúde emocional e afectiva da veciñanza do barrio co seu entorno, e por extensión, na procura dunha cidade mellor e para todas.

Queremos que o Concello axude a coidar a vida e o benestar da veciñanza, como é o seu deber, e que antepoña os intereses do barrio e dunha mellor ordeazón da cidade por riba dos intereses económicos e especulativos das empresas promotoras de vivenda.

As Percebeiras. Un medio de vida, un medio para a vida.

As Percebeiras como espazo verde, cun importante valor medioambiental, non só son unha ferramenta para mellorar a calidade de vida do barrio, senón que constitúe un elemento clave para a imaxe da nosa cidade.

Este anaco de ecosistema de costa é refuxio de aves, pero tamén é refuxio da nosa identidade atlántica. Visible dende toda a cidade, dialogando coa Torre de Hércules, integra o skyline dunha Coruña que quere ser máis verde.

Unha morea de vivendas non nos poden privar, a todas as coruñesas e coruñeses, da oportunidade que a natureza nos brinda: a beleza dunha paisaxe de costa que tece a imaxe da cidade máis fermosa do mundo.

Como cidade, dende unha perspectiva económica, non podemos destruír os nosos puntos fortes, os elementos que nos diferencian, que nos fan singulares. O noso deber é potencialos, poñelos en valor.

Conservar as Percebeiras, como espazo natural é unha decisión valente, unha decisión estratéxica e de futuro. Os anacos de paisaxe de costa que temos na cidade teñen un valor incalculable. Destruíndoos debilitamos un dos activos económicos máis importantes da Coruña, a súa beleza. Unha fonte de riqueza que é patrimonio de todas as coruñesas e coruñeses.

Ampliemos as vivendas dispoñibles doutro xeito. Apostemos pola rehabilitación como se fai noutros países de Europa. Coa escusa de facer vivendas non podemos rematar cun medio de vida. Un medio para a vida das coruñesas e coruñeses de hoxe e do futuro.

Asociación Veciñal Francisco Rodríguez Otero: "Por un Labañou que siga aberto ao mar "