BNG | nota de prensa
O BNG considera que “a estas alturas” xa non ten sentido que este Goberno Local presente un proxecto de orzamentos porque “xa non tería tempo material para executalos”
“A nosa vocación é ser alternativa. Liderar politicamente esta cidade. Por iso o noso obxectivo é alcanzar a Alcaldía”, afirma Francisco Jorquera
A Coruña, a 21 de decembro de 2022. Estamos a finais de decembro e nada se sabe das contas do Concello para 2023, polo que o grupo municipal do BNG considera que “a estas alturas” xa non tería sentido que o Goberno Local presente un proxecto de orzamentos para o vindeiro ano porque “cando se aproben definitivamente xa estaríamos ás portas das eleccións de maio” e, por tanto, non tería “tempo material” para executalos.
Nestes termos pronunciouse o portavoz do BNG no Concello e candidato á Alcaldía, Francisco Jorquera, durante o almorzo informativo que esta mañá ofreceu aos medios, acompañado pola concelleira nacionalista Avia Veira.
“A estas alturas, non ten sentido”, explicou Jorquera, “presentar uns orzamentos para que os execute o vindeiro goberno, restándolle ao novo executivo xurdido das urnas capacidade de iniciativa nun asunto tan importante”.
En ausencia deses orzamentos –que o grupo socialista debería ter comezado a negociar en setembro pasado en función do Acordo de Investidura asinado co BNG- o que si cómpre é “negociar e aprobar coa máxima urxencia un modificativo dos orzamentos actuais”, visando que as entidades da cidades non fiquen sen convenios –estes non se prorrogan cando se prolongan as contas-, ben como tamén “para acometer investimentos que non están previstos nos orzamentos aínda vixentes”.
Jorquera emprazou o Goberno Local a que “se deixe de xogos teatrais e dialogue para facer posíbel este modificativo”. “Que dialogue de verdade, sen teatralizacións como as que vivimos nos últimos meses, onde só negocian dous grupos, excluíndo o resto, porque seica os dous suman”, engadiu.
Negocian os dous, pero sen que diso resulte nada positivo para a cidade: “Un día pola mañá anúnciase un acordo e ese mesmo día pola tarde, un incumprimento do acordado. E ao día seguinte vólvese anunciar pola mañá un incumprimento do acordado e ese mesmo día pola tarde anúnciase un novo acordo”, ironiza o candidato nacionalista á Alcaldía.
“Oxalá sumasen para que os acordos que anuncian se cumpran algunha vez”, acrecentou.
Recta final do mandato
No encontro cos medios -convocado para dar conta de como ve o BNG a recta final de mandato e as perspectivas para 2023, ano marcado polas eleccións do 28 de maio-, Jorquera remarcou que o BNG “ten unha tendencia á alza claramente consolidada”, a xulgar por “todos o indicadores” que se coñecen e que coinciden en apuntar a que o Bloque é “a forza que máis sobe”.
Nese sentido, subliñou que, tal e como xa avanzáramos na presentación da candidatura á Alcaldía, “non aceptamos o papel de outsider”. “A nosa vocación é ser alternativa. Liderar politicamente esta cidade. Por iso o noso obxectivo é alcanzar a Alcaldía”, enfatizou.
Todo vai estar a partir de agora condicionado polo calendario electoral –“iso é evidente”, anotou Jorquera-, mais esa circunstancia non pode levar a que desde o Concello se desatendan os deberes e nese sentido o voceiro nacionalista referiuse a Nostián.
“Levamos desde comezo de 2020 agardando pola licitación da planta e agora resulta que o proxecto deixa a porta aberta a derivar os refugallos a Sogama, cando Nostián o que ten é que ser un modelo alternativo ao da incineración”, remarcou.
O proxecto que manexa o Goberno Local, criticou, levaría aparellada a renuncia ao modelo húmido-seco, a introducir un quinto contedor, “cos prexuízos que esa mudanza pode introducir na recollida e tratamento de lixo e mesmo os problemas que xeraría na ocupación do espazo público”.
Neste asunto, Jorquera destaca o nulo liderado da alcaldesa. Primeiro, por non contar cos concellos do Consorcio das Mariñas. Segundo, por non ter conseguido que o Goberno do Estado tivese respectado o modelo A Coruña á hora de introducir mudanzas normativas.
Balanzo do Goberno Local
Por súa parte, Avia Veira fixo balanzo da xestión do Goberno Local “a apenas 5 meses da conclusión do mandato”. “Foi un goberno desigual que non atendeu as necesidades reais da cidadanía da Coruña. Faltoulle rúa, faltoulle estar no día a día da cidade e dos barrios”, salientou.
O Executivo coruñés “fallou nos mínimos”. “Pensemos no escaso mantemento de rúas, zonas verdes e arborado, na falta de fomento do transporte público, na deficiente vixilancia de concesións e contratos, nas carencias da política cultural, na ausencia de diálogo co tecido veciñal e social, na nula dilixencia á hora de aprobar en tempo e forma os orzamentos do Concello”, alegou Veira.
“A nosa é unha valoración verificada na rúa e partillada por unha ampla parte do tecido veciñal e social co que levamos todo o mandato xuntándonos”, concluíu.