BNG | nota de prensa
O BNG pídelle ao goberno local que negocie co estado a cesión dos terreos do Observatorio
Néstor Rego levará tamén o asunto ao Congreso
A Coruña, a 16 de outubro de 2020. Os terreos adxacentes ao Observatorio meteorolóxico da Coruña xa non son precisos para o desenvolvemento da función deste centro, grazas ao proceso de automatización que ten acometido.
Na contorna do Observatorio hai tamén unhas instalacións das que agora o centro pode prescindir, con excepción dalgúns aparellos de medición que só precisarían dun pequeno espazo de protección.
Sendo isto así, o razoábel é que o Concello negocie xa co Estado a cesión deses terreos, imprescindíbeis para dotar dun parque merecente de tal nome o barrio da Agra do Orzán.
Así o pensa o BNG, polo que o seu portavoz, Francisco Jorquera, vén de rexistrar un rogo oral para a súa inclusión no vindeiro Pleno do Concello da Coruña, a celebrar o primeiro xoves de novembro.
Cabe lembrar, aliás, que a demanda ao Estado da cesión ao Concello dos terreos do Observatorio figura como un dos compromisos contraídos polo PSdeG co BNG no Acordo de Investidura de xuño de 2019.
Na exposición de motivos deste rogo, salienta Jorquera que “estes terreos, do que antes desfrutaba a veciñanza, están pechados ao acceso de veciñas e veciños desde o inicio da pandemia”.
O BNG pide, por tanto, a cesión dos terreos e tamén a súa apertura á veciñanza.
A formación nacionalista vai levar tamén este asunto ao Congreso a través do seu deputado, Néstor Rego.