Eleccións municipais | BNG

A Cadeco e a Confraría, a favor de abrir o porto e diversificar usos como propón o BNG

  • Francisco Jorquera presentou diante da Comisión Aberta en Defensa do Común e da Confraría de Pescadores o proxecto Distrito do Mar.
  • A Cadeco esixe que faga a consulta popular e que a veciñanza participe no futuro consorcio máis alá de que se lle dea información.
  • Os pescadores ven compatíbel abrir o porto á veciñanza e, tamén, a súa actividade coa promoción do transporte de mercadorías, e piden unha lonxa de xestión pública. 

 

A Cadeco e a Confraría, a favor de abrir o porto e diversificar usos como propón o BNG
Jorquera na reunión coa Confraría (2)
Jorquera na reunión coa Confraría

A Coruña, 14 de maio.- Francisco Jorquera e Avia Veira, o número un e a número dous da candidatura nacionalistas, presentaron en sendas reunións coa Cadeco (Comisión Aberta en Defensa do Común) e coa Confraría de pescadores o proxecto Distrito do Mar continuando unha quenda de contactos con distintos axentes implicados polo plan de futuro para os terreos do porto que apoia o BNG.

A proposta nacionalista suma adhesións e tamén achegas, como as que fixeron tanto a Cadeco, o colectivo que impulsou a consulta cidadá sobre os terreos, acordo plenario que segue pendente de executar, como a Confraría.

Desde a Cadeco, advirten que os terreos do porto que vaian sendo “liberados” deben pasar a titularidade pública da cidade, mais consideran imprescindíbel que o Concello consulte á cidadanía sobre esta cuestión e que sexa a cidade quen decida tamén sobre os usos. A Comisión Aberta quere estar presente no consorcio para xestionar o futuro do porto que o BNG propón crear: “que haxa unha representación cidadá para que a veciñanza non sexa simplemente informada e non participe senón que poida opinar sobre as decisións que se tomen”, segundo expresa a directiva. Na Cadeco piden ao BNG que aposte tamén no proxecto Distrito do Mar por “impulsar unha democracia verdadeiramente participada polos movementos cívicos”.

Pola súa banda, os pescadores, co seu patrón maior á cabeza, pediron a Veira e Jorquera durante a reunión mantida na dársena de Oza que as nacionalistas se comprometan a adoptar medidas contra o furtivismo, “un dos principais problemas a día de hoxe e que ningunha Administración se atreve a atallar”; e tamén, a estudar unha rebaixa das taxas, “moi altas, e que por riba non vemos compensadas con servizos dignos no porto” e sinalaron como exemplo a única grúa na zona de descarga “que mesmo provoca colas cando chegamos da mar”. Na Confraría quéixanse de que a pesca “deixou de existir tanto para Autoridade Portuaria como para o Concello”. 

Respecto da idea lanzada a semana pasada polo BNG sobre o Distrito do Mar -que inclúe usos de transporte (un intercambiador na lonxa do Gran Sol), un hospital que inclúa a sede do Inibic, espazos culturais como un aula do mar que rescate a memoria mariñeira da cidade xunto a zonas verdes, e todo iso mantendo o uso produtivo da actividade pesqueira, incluíndo unha lonxa de mariscadores e ampliando a actividade de tráfico de mercadorías en contedores-, os pescadores consideran que “abrir o porto á xente é unha medida intelixente, e excluíndo certos espazos de traballo por seguridade, sería beneficioso para todos e contribuiría a visibilizar a pesca”. Tamén sinalaron que o deseño dos usos futuros do porto é unha oportunidade para “reclamar unha lonxa de xestión pública, mesmo unha lonxa da Confraría” e sinalaron que a lonxa de mariscadores non esixiría “moito espazo” e axudaría a potenciar o sector. Respecto da compatibilidade das artes pesqueiras co tráfico de contedores, indicaron que xa se dá e que unha ampliación deste negocio, integrando o porto da Coruña nas redes internacionais de transporte, non constituiría maior problema.

A Cadeco e a Confraría, a favor de abrir o porto e diversificar usos como propón o BNG