BNG | nota de prensa
O BNG leva ao Parlamento Galego a creación de servizos ferroviarios de proximidade na área A Coruña-Ferrol
A Coruña, a 31 de outubro de 2022. Xunta e Estado limítanse a intercambiar reproches e a descargar a responsabilidade a unha no outro, e viceversa, sobre as razóns que levan a que a área urbana A Coruña-Ferrol sexa unha das rexións máis poboadas do Estado que carece de servizos ferroviarios de proximidade.
Esta razón é que anima a deputada do BNG Mercedes Queixas a rexistrar unha batería de iniciativas –pregunta oral, por escrito, interpelación- por medio das cales insta o Goberno galego a que, entre outras cousas, diga se ten pensado realizar algunha proposta concreta “avalada tecnicamente, para implantar o tren de proximidade no eixo A Coruña-Ferrol”.
O certo é que nos orzamentos do Estado para 2023 non figura nin unha soa partida para crear servizos de proximidade (as chamadas cercanías) en áreas urbanas densamente poboadas da Galiza. O escandaloso é que isto se produce cando esas mesmas contas inclúen fondos para a posta en marcha de cinco novos núcleos de ferrocarril de proximidade en territorios (comunidades autónomas de Madrid e Andalucía) que xa dispoñen deles.
Para xustificar esta marxinación do noso país, a ministra de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Raquel Sánchez, criticou a Xunta por esta non ter disposición ao diálogo.
A xuízo de Queixas, o relevante aquí non é quen ten ou non ten vontade de diálogo, senón que ningunha das dúas administracións teñen dado “un só paso” nos últimos anos visando “pór fin a un agravio vergoñento para a área metropolitana máis puxante do noso país”. “Continúa así unha inercia de inacción e pasividade no que atinxe ás proximidades ferroviarias coruñesas que dura xa décadas e que están a supor un freo para o desenvolvemento sostíbel e socioeconómico dunha área motor de Galiza”, denuncia.
A Xunta debe formular propostas concretas e non limitarse a trocar recriminacións co Goberno do Estado, entende Queixas, para quen o Executivo galego debería igualmente desenvolver as competencias ferroviarias que veñen consagradas no “vixente Estatuto de Autonomía”.