Acto de peche da Marea Viva
Ferreiro fai un chamamento á reforzar a aposta pola unidade e a confluencia no horizonte 2019: “Ampliemos o espazo común”
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, participou, xunto á activista Yayo Herrero e a voceira do Bloco de Esquerda portugués, Catarina Martíns, no peche da Marea Viva, proceso de renovación interna da Marea Atlántica, onde salientou que “cando nos impoñen a derrota, desobedecer é unha obriga”
A votación dos documentos que renovan a organización estará aberta ata mañá, 27 de xaneiro. Os textos definitivos poden consultarse de xeito aberto
O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a activista ecofeminista Yayo Herrero e a voceira do Bloco de Esquerda portugués, Catarina Martíns, participaron hoxe no acto de peche da Marea Viva , no auditorio da Facultade de Náutica. Alí, Ferreiro defendeu que o traballo realizado nestes anos polos gobernos do cambio mudou “institucións indiferentes en institucións próximas”. “Alí onde prendeu a marea do municipalismo, os concellos convertéronse en institucións de primeira necesidade e última esperanza, na primeira liña de defensa da vida”, comentou. Neste sentido, Xulio Ferreiro lembrou que “en 2015 deseñamos unha casa común para xente diversa. Para os compañeiros e as compañeiras de Anova, de Podemos, de Equo, de Esquerda Unida, pero tamén para un mundo de xente que non tiña carné nin o quería. E conseguímolo”. Desde entón, a veciñanza “confiou e nós e fíxonos unha encomenda para catro anos”.
Agora, engadiu Ferreiro, “chega o momento de dobrar a aposta en 2019. Eu quero que lle botemos outro piso á casa común e lle metamos literas nos cuartos para que entre aínda máis xente diversa. E que a xente confíe aínda máis en nós e nos dea outros catro anos para ir máis alá. Eu voume dedicar a iso, e non penso deixar a ninguén atrás. Tendes a miña palabra”.
“Somos as mesmas que hai catro anos demos un paso adiante para volvernos protagonistas da nosa propia historia. E iso nin cambiou nin vai cambiar mentres esteamos xuntas”, sinalou o alcalde, para engadir que “as nosas decisións tomámolas nós, coas nosas propias mans. Acertaremos ou nos equivocaremos, pero ninguén vai escoller por nós”.
Votación dos documentos da Marea Viva
Ata mañá, sábado 27 de xaneiro, as persoas asinantes do Manifesto da Marea Atlántica poderán votar os novos documentos de Código Ético, Forma de Goberno, Programa Participativo, Primarias e Estrutura, que pasarán a definir as bases do funcionamento da organización. Poden consultarse publicamente desde o día 18 de xaneiro.
O proceso da Marea Viva comezou o 15 de decembro e, logo de mes e medio de debates, intercambios e traballo de consenso, cristalizou nos documentos que agora se someten a aprobación, e que nacen dun esforzó de mellora e entendemento entre todas as sensibilidades que conviven na plataforma cidadá.
Deste xeito, construíuse a proposta dunha nova estrutura interna máis eficaz, máis aberta e máis innovadora, que responde ás necesidades da Marea Atlántica para o horizonte 2019. Desde o diálogo e a experiencia, axustouse o Código Ético e a Forma de Goberno sen renunciar a ningún dos principios fundacionais. E, do mesmo xeito, deseñouse un sistema de primarias que estimule o consenso e obrigue a facer un esforzo de integración e xenerosidade.
A Marea Atlántica é unha organización viva e en movemento. As súas normas internas e procedementos non están escritas en pedra, senón en permanente fase de revisión e mellora, un proceso que cristaliza nesta Marea Viva. O que non mudan son os principios e os obxectivos, coa ética como guía para poñer as institucións ao servizo da maioría social.