BNG | nota de prensa
Francisco Jorquera: “A Coruña está a perder impulso e agora o que nos toca é postularnos como alternativa
Unha conversa co voceiro do BNG no Concello abre “Un café con...”, unha nova sección na canle de Youtube do BNG da Coruña
A Coruña, a 29 de marzo de 2022. A canle de Youtube do BNG da Coruña estrea hoxe unha nova sección, “Un café con...”, e faino cunha conversa co noso voceiro en María Pita, Francisco Jorquera.
O presente da cidade, as potencialidades da Coruña, o balance de xestión do Goberno Local, os orzamentos do Concello para 2022, o BNG como alternativa e a vivencia persoal en María Pita son as cuestións que aborda Jorquera durante a entrevista.
“A Coruña é unha cidade que ten enormes potencialidades, mais creo que existe a percepción xeral de que a cidade está a perder impulso”, di Jorquera. “Está a perder impulso no económico, estamos a perder a nosa industria, apostouse por unha hiperinflación de centros comerciais e a consecuencia é que hoxe moitos deses espazos son cascas sen contido e as rúas da nosa cidade están cheas de baixos baleiros”, refire o noso voceiro.
E, como corolario, estase a producir un moi preocupante incremento das desigualdades sociais: “Hai barrios que están a sofrer un proceso de crecente degradación e hai problemas estruturais que non se acaban de resolver: o acceso á vivenda, a planificación da cidade a escala metropolitana...”. “A miña sensación é que A Coruña é unha cidade que parece que leva anos funcionando por inercia, sen unha dirección que lle proporcione un horizonte claro cara ao que avanzar”, esténdese.
E o problema é que o Goberno Local non ofrece solucións. Mais ben el propio é un problema. “Temos un goberno municipal cada vez máis ensimesmado, froito das súas liortas internas e, o que é máis grave, dá a sensación de que carece de proxecto: non sabe que modelo quere para esta cidade”.
Ante a falta de impulso do Goberno Local, “e con toda a humildade”, Jorquera ve o BNG en condicións de ofrecer á cidade a alternativa que precisa. Como forza de oposición, xulga, “soubemos conxugar o papel de crítica, de fiscalización do Goberno Local, cunha actitude positiva, propositiva, pensando sempre nos intereses das veciñas e veciños”. Ese traballo avala a formación nacionalista e “agora o que nos toca é postularnos como alternativa, ofrecer á sociedade coruñesa o proxecto de cidade, o modelo de cidade do que carece”.
Que modelo? Pois o dunha cidade “concibida a escala metropolitana, que mesmo vaia alén dos límites da nosa comarca”, sendo que A Coruña é “o corazón do Golfo Ártabro, a área máis dinámica da Galiza” e, por tanto, a esa escala “hai que planificar a cidade”. “A Coruña ten que ter a vocación de ser a capital económica e cultural do noso país. Ten que ser un referente en políticas de progreso, de cohesión social, de calidade urbana”, alega.
E canto á súa vivencia persoal, Jorquera fala dunha experiencia “grata”, pois a política municipal “é a máis próxima, máis a pé de rúa”. “E nestes tempos nos que temos un presidente da Xunta ausente, envorcado en facer carreira no Estado, a miña concepción é a contraria: para min, como galego e como coruñés, o máis importante é a política galega e a política coruñesa, é servir a miña cidade e servir o meu país”, conclúe.