Ampliación do CHUAC
Gómez Reino apoia a proposta alternativa dos veciños de Eirís para o novo hospital de A Coruña
O secretario xeral de Podemos Galicia comprométese a levar ao Congreso a voz das familias afectadas
A Coruña, 14 de febreiro do 2021.- O secretario xeral de Podemos Galicia e deputado no Congreso, Antón Gómez Reino, apoiou esta fin de semana na Coruña aos veciños de Eirís na súa proposta alternativa para a ampliación do Hospital Universitario (CHUAC). Fronte ao proxecto da Xunta e o Concello, que prevé a expropiación e a derriba de varias vivendas, os veciños expoñen empregar para esa ampliación os terreos do aparcamento privado situado fronte ao actual centro hospitalario.
“É evidente que A Coruña necesita un novo hospital e iso é algo que nós apoiamos decididamente. Pero non na forma que contempla o convenio que asinaron a alcaldesa e o presidente da Xunta”, dixo Gómez Reino, quen subliñou que levará ao Congreso dos Deputados a voz e as reivindicacións das familias afectadas.
O secretario xeral de Podemos Galicia acompañou esta fin de semana ás afectadas pola ampliación do hospital nunha visita ao CHUAC e aos terreos anexos, á que tamén asistiu a concelleira de Podemos A Coruña, Isabel Faraldo.
Durante a visita, Faraldo lembrou que foi a única concelleira que votou en contra do proxecto de ampliación asinado pola Xunta e o Concello que se debateu no pleno municipal. “Ese proxecto bunkeriza o futuro do hospital. Existen alternativas moito máis razoables e por iso dicimos o mesmo que din os veciños: novo hospital si, pero non así”.