BNG | nota de prensa
O grupo municipal do BNG celebra o ditame favorábel a que A Coruña sexa a candidata galega a acoller a Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial
O grupo municipal do BNG celebra que o grupo de persoas expertas que constitúen NodoGalicIA ditaminase hoxe que A Coruña é a mellor opción para acoller a sede da Axencia Estatal de Supervisión da Intelixencia Artificial.
A Coruña, a 24 de outubro de 2022. “Agardamos agora que a Xunta de Galiza asuma como propio este ditame e traslade ao Estado un informe favorábel para a candidatura da nosa cidade”, afirma o portavoz do BNG no Concello, Francisco Jorquera.
Tal e como xa avanzou o voceiro no Pleno extraordinario realizado o pasado venres, o BNG estima que A Coruña cumpre todos os requisitos que se precisan para acoller a sede de AESIA. “Mesmo algúns a maiores”, remarca Jorquera, “sendo incuestionábel que, pola excelencia do seu tecido académico, científico e empresarial, a nosa cidade é xa por méritos propios a capital das tecnoloxías da información e a comunicación de Galiza”.
O BNG confía agora en que, xa como último paso, o Goberno central resolva ubicar aquí a sede da AESIA. “Con todos os respectos para o resto de opcións, a nosa cidade reúne as mellores condicións para ser o polo de referencia estatal no campo da intelixencia artificial”, conclúe Jorquera.