Porto da Coruña

Manifestación en defensa do porto

No ano 2017 a cidadanía, xunto ao tecido asociativo, sindical e político da cidade e area metropolitana da Coruña, saímos as rúas aglutinando a 5.000 persoas baixo o lema “non á venda e privatización da fachada marítima, A Coruña non se vende, non á especulación”. Catro anos despois, todas as reclamacións expostas seguen pendentes.

Manifestación en defensa do porto
Manifestación
Manifestación

 

É por iso que as organizacións políticas e sindicais, e as asociacións veciñais, cívicas e culturais, asinamos este manifesto sobre a problemática da reordenación do borde litoral da Coruña e chamamos á cidadanía a defender de novo as seguintes cuestións:

1) A condonación total do préstamo de Portos do Estado á Autoridade Portuaria da Coruña para a construción do porto exterior, mediante a inclusión das partidas correspondentes nos Orzamentos Xerais do Estado, rexeitando as “medidas de flexibilización” da débeda até 2035, como as anunciadas, ou a privatización e venda dos terreos portuarios para o pago desta.

2) A constitución dun Consorcio ou ente público coa participación da Autoridade Portuaria da Coruña, Portos do Estado, Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, Xunta de Galicia, ADIF e Concello da Coruña para a xestión do novo borde litoral, no que o Concello teña garantida a participación suficiente para ter voz e voto na definición dos seus usos.

3) A licitación do acceso ferroviario ao porto exterior de Punta Langosteira antes do vindeiro mes de xuño e a súa adxudicación antes de que remate o ano 2021, co compromiso firme do Ministerio de Transportes de que, de non conseguirse financiamento a través de fondos europeos, a execución estará asegurada nos orzamentos do Estado, tal e como aprobou unanimemente o Parlamento Galego o 24 de marzo de 2021.

4) A reordenación urbanística e de usos dos terreos portuarios, deixando sen efecto os convenios de 2004 e o planeamento do Plan Xeral de Ordenación Municipal de 2013, formalizando un novo convenio interadministrativo e de planeamento no prazo de seis meses, coa conseguinte modificación puntual do PXOM-2013.

5) Un novo horizonte portuario baseado nos seguintes principios: titularidade e xestión públicas dos terreos, equipamentos, zonas verdes e espazos libres; o porto como motor económico e de emprego; usos produtivos portuarios e complementarios non contaminantes, vencellados á economía azul, a economía do mar tendo como criterio xeral a desafectación unicamente do que non sexa necesario para a actividade portuaria. Queremos construír un novo modelo de cidade pensada para as persoas, que integre a fachada marítima na cidade, respectuoso co medio ambiente e con atención á mobilidade e á inclusión social. Este novo modelo de cidade recuperaría o bordo litoral a escala urbana e metropolitana, protexendo a fachada histórica, a visibilidade do mar e o patrimonio público, mediante estratexias de sustentabilidade ambiental e social nas actividades que aquí se localicen, rexeitando polo tanto a construción de uso residencial nos peiraos desafectados.

6) Apertura ao público do peirao de Transatlánticos, garantindo as medidas de seguridade obrigatorias por lei, así como dos peiraos de Batería e Calvo Sotelo, segundo vaian quedando libres de actividade portuaria.

7) O deseño dos usos dos peiraos interiores debe realizarse dun xeito transparente e participativo, que facilite a implicación da cidadanía. Neste senso, consideramos esencial o establecemento de mecanismos de participación para recoller as opinións de organismos empresariais e sindicais, institucións e entidades veciñais, cívicas e culturais entre as que debería ter un lugar destacado a realización polo Goberno Municipal dunha Consulta Popular, segundo o proceso aprobado no Pleno de 6 de marzo de 2017 porque: “temos o deber cívico de defender o que é de todos e todas nós. E temos o dereito a decidir que queremos ser e como desexamos vivir” (Bando do Concello da Coruña, publicado en maio de 2017).

Entidades que apoian (provisional)

Defensa do Común, Federación de Asociacións Veciñais. Asociacións veciñais: Agra do Orzán, Atochas Monte Alto, IAR do Castrillón, Gaiteira-Os Castros, Eiris, Feans, Cidade Vella, Os Anxos de San Cristovo da Viñas, Labañou, Ventorrillo. Partidos políticos: Alternativa dos Veciños, Anova, BNG, Cerna, EU, Marea Atlántica, PCG, Podemos, Sada Maioría, Verdes-Equo. Erguer-Estudantes de Galiza, Galiza Nova, Mocidade pola Independencia, Rebeldía Galicia, XCG. Sindicatos: CCOO, CGT, CIG, CUT. Entidades: A.C. Alexandre Bóveda, A.C. O Facho, A.S.C. Campo da Pena de Palavea, S.C. Tempo Novo de Elviña-Castro, C.S. Gomes Gaioso, C.S. A Comuna, Vangarda Obreira, Plataforma pola Defensa da Ría de Sada e Betanzos, Amigos dos Museos de Galicia, Foro Cívico, Comité de Defensa das Rías Altas, Forum Propolis, Plataforma en Defensa do Tren A Coruña-As Mariñas, ADEGA, Habitat Social, Ecoloxistas en Acción, Mar de Fábula, Fridays For Future, Extinction Rebellion, Arquitectura sen Fronteiras, Asociación por unha Mobilidade Responsable, Plataforma de Afectadas pola Ampliación do CHUAC, Proxecto Cárcere, CRMH da Coruña, Irmandade Moncho Valcarce, A.C. Vieiros, Colectivo Cultural In Nave Civitas, Colectivo das Pedras Galladas, Stop Desafiuzamentos, A.C. Irmáns Suárez Picallo, Asociación de Escritoras-es en Lingua Galega, Cántigas da Terra, A.C. Son d´aquí, Marcha Mundial das Mulleres, Confraría de Pescadores e Mariscadoras.

Manifestación en defensa do porto