Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica amosa o seu compromiso á aprobación da Lei Trans e coa firme defensa dos dereitos LGBTIQ
Neste Orgullo 2021 tristemente marcado polos ataques de odio da ultradereita, reclamámoslle ao Concello da Coruña que cumpra os seus compromisos e apoie aos colectivos LGBTIQ con políticas reais, non só con xestos e fotos
Neste Día do Orgullo LGBTIQ, desde a Marea Atlántica queremos reafirmar o noso compromiso cos dereitos e coa loita de lesbianas, gais, bisexuais, transexuais, intersexuais, asexuais, queer ou persoas non binarias, co dereito de cada persoa a ser como queira, definirse como queira e amar como queira. Amosamos tamén o noso compromiso coa aprobación dunha Lei Trans que protexa os dereitos deste colectivo, un dos máis atacados na crecente vaga de odio alimentada desde a ultradereita. Os dereitos trans son dereitos humanos.
Queremos afirmar deste xeito o compromiso coa igualdade na diversidade que é unha parte esencial da Marea Atlántica desde a súa fundación. É importante facelo porque o Orgullo 2021 se celebra no medio dun rearme da ultradereita e dos seus ataques de odio, cun aumento das agresións en todo o mundo e con países coma Hungría aprobando leis reaccionarias e contrarias aos dereitos humanos. Os dereitos conquistados durante décadas de loita e mobilización están ameazados e cómpre dar a cara para defendelos e seguir avanzando.
Esta mesma semana, as persoas trans poden ver un gran paso adiante no recoñecemento dos seus dereitos co impulso da Lei Trans e LGBTI, á que lle amosamos todo o noso apoio. Porque opoñerse a que un colectivo gañe dereitos para ter unha vida digna é unha postura reaccionaria. Suma, non resta. Como non restaron a lei de matrimonio igualitario ou a do divorcio, nin restará a da eutanasia.
Pedimos un maior compromiso do goberno local
No Día do Orgullo tamén queremos reclamarlle ao goberno de Inés Rey que vaia máis aló das fotos e os actos festivos e desenvolva políticas reais para apoiar os dereitos LGBTI. O Espazo Diverso, inaugurado pola Marea Atlántica no centro cívico da Cidade Vella está a ver desmantelada a súa actividade, tal e como están a denunciar as organizacións cidadás. Ademais, a Ordenanza de Igualdade na Diversidade incúmprese de xeito sistemático e a alcaldesa aínda non se desculpou polos seus ataques ao colectivo trans en redes sociais.
O Concello ten, desde logo, a obriga de celebrar actividades ao fío do 28 de xuño, pero a loita polos dereitos non pode desaparecer despois, como desapareceu a bandeira do arco da vella da fachada de María Pita. Instamos ao executivo local a que desenvolva programas de educación contra o odio nos centros de ensino e fomente o Espazo Diverso en lugar de recortarlle funcións e persoal. Contra a LGBTIfobia hai que loitar todo o ano.