BNG | nota de prensa
A Marea Atlántica empeza a organizar o voluntariado para as eleccións municipais cando faltan faltan “cen días para volver” ao goberno da Coruña
A Marea Atlántica puxo en marcha hoxe a campaña “Cen días para volver”, destinada á organizar o seu voluntariado para as vindeiras eleccións municipais. Cando faltan xusto cen días para acudir ás urnas o 28 de maio, abrimos un apartado na nosa web e realizamos un chamamento a todas aquelas persoas que desexen botar unha man para acadar unha cidade máis xusta, verde, democrática e feminista.
O noso candidato á alcaldía, Xan Xove, lembrou que “na Marea Atlántica imos facer unha campaña como nos caracteriza. Sen padriños, sen bancos e sen hipotecas, cara a cara, a pé de rúa, coas nosas propias mans. Dende hoxe, se queres, podes sumarte ao equipo de voluntarios e voluntarias que farán posible que dentro cen días a Marea volva ao goberno da Coruña”.
Xove salientou que “quedan cen días para que volvamos ter un goberno que defenda o porto de quen pretende vendelo, que se preocupe pola vivenda, pola xustiza social, pola crise climática ou pola igualdade”. Coa Marea Atlántica, en María Pita volverá haber un goberno que aposte pola Coruña real, a dos barrios, a cidade metropolitana. “Quedan cen días para escoller se queremos unha Coruña para vivir ou outra na que, como agora, sexa imposible alugar”.
Finalmente, Xan Xove lembrou que as enquisas amosan que a Marea Atlántica será a opción útil e leal á veciñanza para quen non queira ver “aos de sempre facendo o de sempre, como levar Visma de volta ao urbanismo dos anos 90”. Por iso fixo un chamamento á colaboración de todas as persoas que “queiran a cidade da renda social e os orzamentos participativos, a das escolas infantís gratuítas e o porto aberto á cidadanía” a sumar mans, ideas e achegas. Porque só quedan cen días para volver.