Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica esixe a Inés Rey que envíe xa ao goberno do Estado e da Xunta a carta en apoio a Alu Ibérica
Nunha situación crítica para a factoria, o goberno local leva máis de tres semanas de demora para un xesto tan sinxelo como mandarlle aos ministerios unha carta asinada por todos os grupos municipais en apoio ás reivindicacións do Comité de Empresa da antiga Alcoa
María García: “Hai 400 empregos directos en xogo e a alcaldesa está ausente, ten a cabeza nos congresos e guerras internas do PSOE, non na Coruña”
A Coruña, 18 de outubro .- de 2021.- A Marea Atlántica insta a Inés Rey a cumprir os compromisos adquiridos na xuntanza do 28 de setembro co Comité de Empresa da fábrica de aluminios da Coruña, Alu Ibérica. Hai vinte días que prometeu consensuar unha carta en apoio ao futuro da factoría, asinada por todos os grupos do Concello, para remitila aos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica e reclamarlles que atendan ás reivindicacións e asuman a súa responsabilidade na venda fraudulenta das instalacións.
A voceira da Marea Atlántica, María García, lamenta que “á alcaldesa lle custa respectar nin un compromiso tan sinxelo como redactar unha carta para defender os 400 postos de traballo directos que dependen da antiga Alcoa, parece claro que non ten a cabeza na defensa do emprego na Coruña, senón nos congresos, nas primarias e leas internas do PSOE”.
Lembrou, ademais, que a xuntanza do 28 de setembro coa representación sindical só se produciu grazas á presión da Marea Atlántica, e sinalou que “resulta difícil de entender este desinterese do goberno local mentres unha factoría competitiva e con futuro rematou sendo saqueada por unha empresa voitre, con prácticas delictivas, tras unha venda avalada polo Estado. As instititucións non poden lavar as mans agora”.
Mesa de traballo e contrato enerxético bilateral
Deste xeito, na carta que Inés Rey vinte dias despois de propoñela ainda non remitiu aos gobernos central e autonómico, debería recoller as reivindicacións do Comité de Empresa para rescatar á fábrica de aluminios de Agrela, con dúas reclamacións principais. Primeiro, crear unha Mesa de Traballo cos ministerios de Industria e Transición Ecolóxica, para trazar unha folla de ruta cara a recuperación da actividade en Alu Ibérica. Segundo, negociar un contrato bilateral para o subministro eléctrico, que dea solución aos imposibles prezos que está a marcar o oligopolio eléctrico. O Estado ten que moverse para recuperar a planta.
O aluminio é unha materia prima básica na economía internacional, e na Coruña hai unhas instalacións con capacidade para producilo de xeito competitivo, cun cadro de persoal con experiencia, e con oportunidades para innovar en alternativas como a produción de aluminio verde. Abandonar a antiga fábrica de Alcoa é unha irresponsabilidade.
Unha antiga empresa pública en mans de delincuentes
Resulta difícil de entender que o que foi a antiga empresa pública Inespal esta agora intervida xudicialmente, e rematase en mans do Grupo Riesgo, unha trama delictiva que desviou máis de 9 millóns de euros das fábricas da Coruña en Avilés en falsas operacións de venda, con sobrecustos dun 600%, segundo está a desvelar a investigación.
A de Alcoa en 2017, primeiro a Parter e logo ao Grupo Riesgo, foi unha fraude pensada para descapitalizar a empresa. Foi unha operación avalada polo Estado, e agora os Ministerios de Industria e Transición Ecolóxica deberían mollarse para resolver o problema. Máis aínda tratándose dunha empresa pública, privatizada por Aznar a prezo de saldo.
A investigación xudicial, cos seus avances, servirá para que os responsables paguen polo seu delito, pero non garantirá a continuidade da fábrica e dos seus 400 postos de traballo directo. Se Alu Ibérica non pechou aínda foi pola mobilización sindical e a loita do cadro de persoal.