Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica esixelle ao goberno local que recorra a sentenza do TSXG contra a baixada do billete do bus
A Compañía de Tranvías tivo uns enormes beneficios de 3,3 millóns de euros en 2019, mesmo tras aplicar a rebaixa de tarifas. Gañou un 12% menos ca o ano anterior, pero cun millón de viaxes máis
O grupo municipal da Marea Atlántica amosa a súa perplexidade ante a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contraria á rebaixa do billete do bus realizada durante o mandato de Xulio Ferreiro. Consideramos que este fallo é contrario ao interese xeral e lesivo para o dereito á mobilidade, antepoñendo os intereses da Compañía de Tranvías e os seus excesivos beneficios. Por iso, esixímoslle á alcaldesa que esgote todas as vías xudiciais para defender unha medida que fomenta o uso do transporte público con excelentes resultados.
En 2019, tras a rebaixa do billete do bus, a Compañía de Tranvías tivo aínda uns beneficios de 3,32 millóns de euros, fronte aos 3,78 millóns do ano anterior. Estas cifras son abusivas e inxustas, e foron sinaladas como excesivas para unha concesión pública pola Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia, nun informe de 2018, e pola sentenza inicial do Xulgado do Contencioso. O goberno local non debería ter dúbidas para escoller entre a defensa do servizo público e do beneficio privado.
Resulta mesmo insultante que Tranvías, que se beneficiou de axudas públicas de 5,5 millóns de euros en 2020 por mor da pandemia, pense agora en reclamarlle aínda máis cartos ao Concello da Coruña por unha decisión que resultou nun incremento histórico das viaxes en bus.
Incremento de máis dun millón de viaxes en 2019
De feito, en 2019 acadáronse os 23 millóns de viaxes, a cifra máis alta en case catro décadas. Son 1.112.726 máis ca no ano anterior (+5%) entre os que se contan 302.533 menores de idade. Igualmente, aumentaron un 14,74% os transbordos, gratuítos durante . Os datos demostran que unhas tarifas xustas e sociais son efectivas no fomento do transporte público.
Cómpre lembrar que cando en febreiro de 2019 o billete do bus baixou 10 céntimos, pasou a ser de balde para menores de 13 anos e incorporou o transbordo gratuíto en todas as liñas durante 45 minutos, foi a primeira vez en máis de 30 anos que se reducía o prezo do transporte público na Coruña. Con todos os gobernos precedentes a revisión fora sempre á alza, mesmo entre 2007 e 2013, cunha crise económica brutal. Mentres os salarios minguaban e o paro aumentaba, o goberno bipartito de PSOE-BNG e o goberno do PP subiron o prezo do bus ata un 34%. No repitamos esas malas decisións.