Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica pon en marcha a súa Marea Viva
Neste proceso, que remata o 4 de xuño, actualizaranse os obxectivos políticos, o método para elaborar o programa participativo e a convocatoria de primarias
Poden participar, con voz e voto, todas as persoas que asinaron o manifesto da Marea antes do 26 de abril. Só teñen que inscribirse en mareaviva2022.mareatlantica.org
A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, e o portavoz da Coordinadora da organización, Rodri Gil, presentaron hoxe en rolda de prensa a Marea Viva 2022, o máximo órgano de toma de decisións da plataforma municipalista, que ten como obxectivo prepararse para as eleccións de 2023. No marco deste proceso de debate, deliberación e toma de decisións, fixaranse os obxectivos políticos inmediatos da Marea e renovaranse as normas para escoller unha candidatura e deseñar o programa electoral de xeito participativo.
Na Marea Viva teñen voz e voto todas as persoas que asinaran o manifesto da Marea Atlántica ata esta semana, máis de 800. Para participar nos debates e votacións, só teñen que inscribirse na web mareaviva2022.mareatlantica.org antes do 26 de maio.
Como sinalou María García, “a Marea Viva é o momento no que definimos onde está a Marea Atlántica e cara onde se dirixe, desde a intelixencia colectiva e o debate, procurando sumar todas as sensibilidades. É o primeiro paso cara a vindeira convocatoria electoral. O seguinte, será a convocatoria de primarias para ter unha candidatura lista en outono”.
Da súa banda, Rodri Gil salientou que son tres os documentos que máis se renovarán nesta Marea Viva: o Documento Político, que fixa os obxectivos da Marea Atlántica para o próximo ciclo. “Desde a Coordinadora lanzamos tres propostas, que se estudarán e modificarán durante o proceso. Apostamos por un proceso de primarias aberto, pola elaboración colectiva do programa electoral, e por reforzar os principios aos que somos fieis desde os comezos: xustiza social, feminismo, coidado ambiental e loita contra o cambio climático, igualdade e radicalidade democrática”.
Tamén están abertos a debate a Estrutura da organización, Código Ético e Forma de Goberno, aínda que a proposta da Coordinadora é mantelos sen cambios substanciais. Apostan por manter sinais de identidade da Marea Atlántica como a limitación salarial, un máximo de 40.000 euros anuais, doando o resto para financiar iniciativas como a Oficina dos Dereitos ou a Xanela de Proxectos. E tamén o máximo de dous mandatos para os cargos públicos.
“O domingo coñeceuse que as persoas que formamos o actual Grupo Municipal non seguiremos como representantes públicas, por motivos persoais e en cumprimento dos nosos compromisos éticos. Apostamos por unha renovación radical, unha saudable entrada de novos aires, que non e un final, senón un capitulo que comeza con esta Marea Viva 2022”, resumiu María García.
Un proceso en tres fases
Debate sobre as propostas da Coordinadora. Comeza hoxe, xoves 28 de abril, coa presentación da Marea Viva ante a Rede, a a nosa asemblea. Daranse a coñecer os documentos redactados pola Coordinadora, como punto de partida para o debate. Deixarase tempo para estudalos e comentalos, e o sábado 21 de maio haberá un debate presencial sobre eles.
Presentación de emendas. A Coordinadora revisará os documentos coas propostas recollidas na primeira fase, e presentará as novas versións o 26 de maio. A partir do día seguinte, 27 de maio, poderanse presentar achegas e emendas..
Votación final das propostas. O venres 3 de xuño votaranse as emendas que non foran xa transaccionadas e incorporadas aos documentos finais. Finalmente, o sábado 4 de xuño votaranse as propostas definitivas e celebrarase o acto de peche da Marea Viva.