Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica propón unha declaración unánime no Pleno para condenar o asasinato de Samuel e toda forma de LGBTIQfobia
Presentalles aos grupos municipais o rexeitamento dos actos e discursos de odio e o compromiso coas políticas de diversidade sexual a través dunha declaración institucional
A Coruña, 6 de xuño de 2021.- A Marea Atlántica vén de presentar unha proposta de Declaración Institucional para que o Pleno condene o seu brutal asasinato, e rexeite os discursos de odio e os episodios de LGBTIQfobia que se están a producir na nosa cidade e no conxunto do país. Esta mañá remitimos a todos os grupos o borrador que, de ter aprobación unánime, será lido ao comezo da sesión plenaria deste xoves.
No texto, condénase a violencia que rematou coa vida de Samuel Luiz Muñiz o pasado 1 de xullo, nun ataque que aínda está a ser investigado, pero que está claramente alimentado polo odio, ofrecendo condolencias á súa familia e amizades.
Rexéitanse tamén a agresión sufrida Alex Docherty e Marcos Fernández, un matrimonio homosexual, o pasado 28 de xuño, así como os actos vandálicos contra a bandeira do arco da vella no Sex Point de Casco e contra o mural do instituto Neira Vilas de Perillo.
Do mesmo xeito, condénase toda forma de LGBTIQfobia e discurso do odio contra colectivos vulnerables, e maniféstase o compromiso coa igualdade real e contra a discriminación, que debe demostrarse con políticas públicas reais.
Agaramos que todos os grupos con representación no Concello da Coruña estean de acordo, e así poidamos expresalo no vindeiro Pleno.
Proposta de Declaración Institucional Xustiza para Samuel
En 2021, cúmprense 43 anos da despenalización da homosexualidade no Estado español e 16 da aprobación da Lei do Matrimonio Homosexual. Camiñamos cara a igualdade, pero a actualidade está a poñer en evidencia o moito que aínda queda por camiñar, e o fráxiles que poden ser as conquistas que non se defenden.
Na Coruña, por desgraza, estamos a comprobar que a LGTBIQfobia está moi presentes na nosa sociedade. Nesta fin de semana, a bandeira do arco da vella que ondeaba na fiestra do Sex Point de Casco foi arrincada e destrozada. O mural do instituto Neira Vilas de Perillo amenceu manchado con pintadas homófobas. O 28 de xuño, hai pouco máis dunha semana, unha parella gai, Marcos e Alex, foi agredida nas rúas de Monte Alto. E o 1 de xullo o noso veciño Samuel foi brutalmente asasinado en Riazor, nun crime que aínda se está a investigar pero que está marcado polo odio.
No conxunto de España, os discursos de odio, violencia e desprezo á diversidade están a atopar altofalantes. En Europa, países coma Hungría e Polonia están a perseguir as persoas LGTBIQA+ e aprobar leis que atacan a diversidade sexual. No mundo, a homosexualidade está perseguida e penada coa morte en ducias de países.
Por todo o sinalado, e porque os dereitos que non se defenden, desaparecen, os distintos grupos políticos que conformamos esta Corporación:
1.- Condenamos rotundamente a brutal agresión que acabou coa vida de Samuel Luiz Muñiz e trasladámoslle o noso máis sentido pésame á súa familia e amizades. Agardamos que as circunstancias da súa morte sexan esclarecidas canto antes e que as persoas responsables non queden impunes.
2.- Condenamos tamén o ataque sufrido por Alex Docherty e Marcos Fernández, e agardamos igualmente que o seu agresor, xa identificado, reciba condena.
3.- Manifestamos o noso compromiso coa igualdade real e coa non discriminación das persoas LGTBIQA+, e comprometémonos a articular, dende o ámbito municipal, as medidas que sexan necesarias.
4.- Rexeitamos toda forma de LGTBIQfobia e todo discurso de odio contra colectivos vulnerables, e comprometémonos a traballar para desterralos da nosa sociedade.