Marea Atlántica | nota de prensa

A Marea Atlántica reclama que o goberno municipal se implique na protección da valiosa biblioteca do Circo de Artesáns

María Garcia: “Falamos de máis de 15.000 volumes e fondos históricos da Coruña e de Galicia, en risco de deteriorarse. O Concello ten que axudar a conservalos, ordenalos e poñelos a disposición do público”

A Marea Atlántica reclama que o goberno municipal se implique na protección da valiosa biblioteca do Circo de Artesáns
SGR_circulo_artesans_Z7F4592
María García, Manuel Miragaia e Iago Fernández

O Circo de Artesáns, fundado a mediados do século XIX, foi unha institución decisiva na formación dunha sociedade civil crítica na Coruña

A Marea Atlántica solicítalle ao goberno local que se implique no mantemento do legado do Circo de Artesáns da Coruña e preste axuda para protexer e catalogar os valiosos fondos bibliográficos, hemerográficos e documentais desta institución. A voceira e o vicevoceiro da Marea Atlántica no Concello, María García e Iago Martínez, visitaron con detemento a sede da institución xunto a Manuel Miragaia, responsable da área cultural na actual directiva, e recolleron as súas propostas para evitar que se perda un patrimonio que forma parte da historia da Coruña como cidade liberal, republicana e galeguista.

O Circo de Artesáns conta cunha biblioteca de 15.000 volumes, que se complementa con outros fondos de valor histórico indubidable, como o propio arquivo hemerográfico e documental da institución. “Eses fondos, que contan moito da historia da Coruña e de Galicia, están en risco de deteriorarse, e precisan ser protexidos, catalogados e postos a disposición da sociedade e da investigación, unha tarefa na que o Concello debería estar presente”, explica María García.

O Circo de Artesáns foi fundado en 1847, e tivo desde os seus inicios unha grande influencia na vida cultural e na formación dunha sociedade civil crítica na Coruña. Pola institución pasaron persoas como Emilia Pardo Bazán, Manuel Murguía, Santiago Casares Quiroga ou o médico Roberto Novoa Santos. Tamén Alfredo Suárez Ferrín, o alcalde republicano asasinado polos golpistas en agosto de 1936, foi socio da entidade. A relevancia histórica do Circo de Artesáns está fora de toda dúbida, e conservar o seu legado debería ser unha prioridade.

A Marea Atlántica reclama que o goberno municipal se implique na protección da valiosa biblioteca do Circo de Artesáns