Marea Atlántica | nota de prensa
A Marea Atlántica reclámalle ao goberno local que licite canto antes a concesión de Nostián, caducada desde hai case tres anos
María García: “Canto máis tarde o goberno en licitar a nova concesión, maior risco de ter que pagar grandes indemnizacións a Albada”
Pregámoslle á concelleira Fontán que explique aos grupos municipais o modelo de residuos do goberno. "Malia as boas palabras, remataremos o mandato sen un contrato novo".
A Coruña, 05/07/2022.- A voceira municipal da Marea Atlántica, María García, volveu a reclamarlle hoxe celeridade ao goberno local para licitar a concesión de Nostián, caducada desde o 1 de xaneiro de 2020, tras o revés xurídico que vén de sufrir o Concello ao declararse irregular a intervención da planta decretada pola alcaldesa nesas datas. “Foi unha decisión que agora corre o risco de traducirse en indemnizacións millonarias para a empresa Albada, que nunca ata o de agora lle gañara un xuízo ao Concello. A única solución é que entre en vigor un novo contrato, canto antes”, resumiu García.
Así o trasladou a nosa portavoz na Comisión de Medio Ambiente celebrada hoxe, na que instou ao executivo compartir con todos os grupos políticos o modelo de residuos que operara na cidade nas vindeiras décadas. Tal e como lembra García, “no traspaso de poderes, a Marea Atlántica entregoulle ao novo goberno uns pregos practicamente listos para licitar. Rexeitáronos e empezaron dende cero, pero en tres anos non foron quen de poñer unha alternativa en marcha.
A concelleira Fontán evitou concretar unha data para abrir a nova licitación do tratamento de residuos en Nostián, "posiblemente no outono". Sería difícil de xustificar que este mandato rematase sen ter iniciado sequera o proceso.